Portada

Plan de Igualdad
Galego / Castellano

Casa da Muller

Noticias

Historia
de Mujeres

Agenda Cultural

Galería de Arte

Mujerciclopedia

Mujerecetario

Viajeras

Consultonas

Opinionas

Trocadoras

Conectadas

Foro

Becas y Ayudas

Staff

Contacto

 

         
   

Historia de Mulleres       Ir a versión en castellano

 

Esta historia reconstrúese co corpo e coa mirada. A súa vida apagóuse de cedo. Sen embargo, quedannos as súas palabras plasmadas nos ensaios e en singulares exemplos cotiáns. Nun mundo no que a beleza só se percibe por instantes, e onde a xustiza e a igualdade son un hoco baleiro, ela coma ningunha outra e ningún outro soubo expresa-la súa aversión á violencia.
Estamos convidad@s a transita-la vida, obra e historia de Simone Weil.

Ollos (ben abertos)

Simone Weil naceu en París o 3 de febreiro de 1909. Foi filla dun médico de Alsacia chamado Bernard Weil e de Salomea Reinherz. Nacida no seo dunha familia de clase media, inmigrante de orixe xudeo, mais laicos, tanto ela como o seu irmán destácanse precozmente.
A idade de dez anos, Simone Weil declárase bolchevique e comunicalles esta decisión os seus pais. Cunha natural predisposición polos aspectos profundos e singulares da existencia, beleza, xustiza, e pureza, atravesarán toda a súa vida e marcarán o rumbo dunha conducta en perfecto equilibrio entre pensamento e acción.
Aos once anos sentiráse profundamente identificada coas/os paradas/os que se manifestaban no Boulevard Saint-Michel. Anos máis tarde sería ela mesma quen encabezaría as manifestacións en reclamo de xustiza.
Simone Weil tivo a notable capacidade de comprende-la dor humana e de cultivar un pensamento afastado da violencia e preto da beleza, a xustiza, e a paz.
A pensadora francesa nunca permaneceu queda, sempre comprendeu cá palabra significaba moito. Esa mesma palabra levouna a loitar en favor de todas/os oprimidos do mundo. Esa mesma palabra, utilizando o título do libro de Susang Sontag, conmoveuna "ante a dor dos demais."

Corpo (para sentir e padecer)

Con Simone comprendemos que a patria non é o lugar onde nacemos, senón o lugar onde nos gustaría vivir.
Ela coñecía ben esta situación pese a ter nacido en París, tiña chegado alí desde lonxe.

Francia coñece moito das fronteiras e dos límites. Sen embargo, existen posicións que custionan esta idea. Unha delas é a do movimento de mulleres autodenomeado "Nin putas, nin sumisas", que xurdiu no 2002 nos suburbios de París. A orixe, (neste caso magrebí) defíneas coma inmigrantes, como tamén a orixe inmigrante definiu en Simone Weil un perfil claro de repudio ás inxustizas.
A reflexión e rebelión destas mulleres, que se atreven a cuestiona-las raíces da sociedade mercantilista e as súas desigualdades, é producto da súa propia experiencia.
As fronteiras e os límites que marcaron a Simone Weil son os mesmos que agora preséntanse na escena contemporánea, deixando a súa pegada indelebel.
A fame, a violencia, as desigualdades entre os xéneros, son algúns dos aspectos que Weil trataría, de non media-la súa propia morte, como única e ineludibel clausura da súa loita. Non obstante, quedannos a súas palabras, os seus ensaios, os seus actos, para seguir pensando entre todas e todos o mundo no que desexamos vivir.

Cabeza (para crear e pensar)


Dende nena, Simone Weil manifestou ser unha muller precoz. A idade de dezanove anos ingresou coa calificación máis alta, seguida pola súa compañeira de estudos Simone de Beauvoir, á Escola Normal Superior. Graduouse ós vintedous anos en Filosofía e de alí en máis desenvolve a súa carreira docente.. Lonxe de permanecer enquistada en discusións teóricas, a súa vida inclinouse cara á acción práctica.
Aos vintetres anos é "transferida" do liceo onde impartía clases por encabezar unha protesta de parados/as.
A súa dedicación pola situación social e os actos de inxustiza e a súa obsesión pola verdade e a pureza, valeulle o apode de "Virxe Roxa".
As virxes, as roxas, as putas e as insumisas, únense nesta historia e no percorrido pasado e presente do suburbio parisino.
Esa mesma obsesión pola ética foi a que a levou a non inxerir os alimentos necesarios para á vida, en expresa solidariedade cos soldados franceses que tiñan a alimentación racionada debido ó proceso penoso da guerra.
Son as mulleres e as súas circunstancias as que alzan á voz para repetir unha e outra vez que non aceptan dócilmente o que a sociedade patriarcal querelles facer crer que son. Atópanse nas marxes, nos lindes, nos límites do que lles dín que son e van a loitar por non ser. Nin unha cousa nin outra, ou as dúas xuntas producto dunha dicotomía que se fai imprescindibel fender.


Boca (para dicir o que non se debe calar)

Simone Weil universalizou o sentido do xusto e o igualitario. Máis aló das esquecidas premisas do Iluminismo (liberdade, igualdade e fraternidade) cuspiulle á humanidade unhas cantas verdades á cara.
A súa curta vida foi adicada a advertir ás persoas sobre o fallido camiño que ía toma-la humanidade na súa época. Abocada á lectura do marxismo dende a súa máis temperá idade, enfrontou as posturas teóricas de moitos dos intelectuais da súa época.No ano 1933, Simone Weil coñece a Trotsky, co que mantivo unhas acaloradas discusións arredor do cambio de rumbo que tomara a revolución bolchevique e a política autoritaria exercida por Stalin.
O debate entre Weil e Trostky estivo marcado polo carácter obreiro ou non da Unión Soviética como Estado.
Para Weil estaba todo moi claro, e polas súas expresións e o seu non renunciamento hacia unha auténtica causa revolucionaria foi comparada coa figura de Rosa Luxemburgo.
Por outra banda, Weil comprendeu moi ben o uso da violencia e do autoritarismo en tódolos aspectos da súa vida.
Dúas semanas despois de estalar a guerra civil española, e a pesares do seu rexeitamento ó uso da forza, alistouse en Barcelona nun comando de anarquistas extranxeiros ligados ás columnas de Buenaventura Durruti. Este aporte de valentía e heroismo lembra de algún xeito ó personaxe de Branca en Terra e Liberdade, onde a defensa dos valores e as crenzas teñen máis peso ca propia vida. Co personaxe de ficción de Branca enrrolada nas filas do POUM e a presenza dunha filósofa e pensadora afastada das bibliotecas, asistimos á imaxe de dúas heroínas de carne e oso.

Mans (para traballar)

Antes de emprende-la súa viaxe a Barcelona, Simone Weil pediu unha licencia na Universidade para traballar durante máis dun ano na fábrica Renault. Esa experiencia serviulle para comprender como vivía e padecía a clase obreira do seu tempo. Lonxe de sentarse a escribir acerca dos problemas do proletariado francés, elixiu á acción como método e experiencia de loita. O seu traballo como fresadora na fábrica foi tan extremo que levouna a afirmar que "alí recibín para sempre a marca da escravitude como a marca de ferro candente que os romanos poñían na fronte dos escravos máis despreciados.Despois considereime sempre coma unha escrava".
Ó igual cas maquiladoras de México, a experiencia de Weil na fábrica(aínda que por elección propia), valeulle o acrecentamento das súas regulares enfermidades, entre elas a sinusite crónica e os problemas de orixe pulmonar e respiratorio.
As pegadas da fábrica nos corpos femininos mézclase cas marcas do ferro candente que deixa a sociedade dentro e fóra dos seus traballos.



Vida(fin e comezo)

A pesar de todas esas marcas, de todas esas pegadas, Simone nunca deixou de ter as súas ilusións postas na beleza do mundo.
"Xustiza, verdade e beleza son irmáns e aliadas. Con tres palabras tan fermosas non é necesario buscar outras."
A súa aposta pola beleza non a levou lonxe das causas nobres da vida. Ó igual que as súas futuras sucesoras no tempo e no pensamento (Nin putas nin sumisas), xamáis deixou de soster que Francia tería que desmantelar o seu imperio colonial e deixar de soster un estado de rencores e odios arredor das diferenzas.
Os dous pensamentos periféricos únense na celebración do encontro. A beleza, a xustiza e a igualdade volven a golpea-las as portas do mundo.. A morte temperá de Weil ós trinte e cinco anos marca o fin dun pensamento hoxe esquecido. Pero o rexurdimento de moitas das súas causas fan posible que as mulleres manteñamos hoxe máis que nunca os ollos ben abertos.

Micaela Fernández Darriba

Bibliogafía de Simone Weil

Deixou tamén unha traxedia, Venecia salvada (1940).
A Torpeza e a Graza (1947).
O coñecemento sobrenatural (1949).
O arraigo (1950).
Carta a un relixioso (1951).
Agardando a Deus 81951).
Gravidade e Graza (1952).
A fonte grega (1953).
Opresión e Liberdade (1958).
Pensamentos desordenados concernentes ó amor de Deus (1962).
Poemas, recollidos no volúme no 1968.

"Nin putas nin sumisas" (ni Putes ni Soumisses) é o emblema que no ano 2002 elixiu un colectivo de mulleres procedentes das barriadas obreiras de Francia para reivindica-las súas liberdades e o seu dereito a igualdade. Estas mulleres padecen tanto a opresión dos varones e o seu entorno familiar , encarnada no estremismo e a ortodoxia islámica, coma a discriminación e a explotación por parte do estado francés. "Nin putas nin sumisas" é hoxe un movemento mixto de mulleres e homes, de importante relevancia en virtude dos derradeiros acontecementos ocurridos nos suburbios de Francia.


En España, o salario bruto por hora dos varones é un 17, 3 % superior ó das mulleres. Fonte: Enquisa de Condicións de Vida (ECV) 2004, Instituto Nacional de Estadística (INE).
Entre Xaneiro e Outubro de 2005 rexistráronse 52 casos de asasinatos de mulleres e unhas 50.000 denuncias por malos tratos producidos pola parella ou ex parella. Fonte: Instituto da Muller, Secretaría Xeral de Políticas de Igualdade, Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais.