
Este número 14 de Foeminas é sen dúbida especial polo que representa o feito de ter percorrido todo un camiño xunt@s.
Hai apenas un ano que Foeminas está na rede intentando construír unha voz propia baseada na equidade.
É por iso que hoxe presenta un informe relacionado coa volta ás orixes, a reconstruír aquilo que nos colocou neste espazo. Pretendemos deste xeito volver a empezar e iniciar un novo ciclo, con outros debates, outras propostas e expectativas.
Ao longo deste ano intentamos profundar na recuperación dunha memoria colectiva e ao mesmo tempo propia, para todas as mulleres. Xa que o camiño que vemos posible para acadar a igualdade é a través da reconstrución. Por isto, a historia das mulleres merece ser reconstruída porque parte do cotián e non da Historia con maiúsculas. De aí, que nos propoñamos a protección da nosa identidade e dos nosos recordos e elixamos o camiño da construción a través da reconstrución.
Na Portada reflexionamos sobre o noso primeiro ano na rede cunhas liñas que levan por título Un ano de Foeminas...
En Historia de Mulleres reconstruímos a historia de Azucena Villaflor, unha vida que pretendeu ser borrada, pero que sobrevive na memoria.
Doutra banda, publicamos Informe sobre violencia, que se estenderá en varias entregas, no que contamos con diversas opinións e testemuños de mulleres. Tamén ofrecemos un artigo de Luz Darriba sobre a Lei de igualdade no traballo, pionera no Estado Español.
En canto ás nosas seccións habituais, en Viaxeiras paseamos con Lourdes Abuide
polas súas particulares postais de cidades. En MullerRecetario iniciamos unha etapa de receitas realizadas por A tía Mari. Nesta primeira ocasión presentamos Berenxenal que reúne diversas formas de cociñar as berenxenas.
En Contemporáne@ exhibimos a obra da talentosa fotógrafa Noemí Cubillo.
Para rematar, en Mullerciclopedia Cristina Curral Soilán, a nosa subeditora, tráenos un artículo sobre Herba moura, novela da escritora Teresa Moure.
Micaela
Fernández Darriba
Editorial Foeminas