|
|
|||||
|
Tina Modotti En 1921 coñeceu a Edward Weston, excelente fotógrafo norteamericano; traballou como a súa modelo e iso fai que se interese pola fotografía, polo que comeza a estudala con el. En 1923, Weston abandonou á súa familia e viaxou a México co seu fillo Chandler e Tina Modotti quen nese tempo era a súa modelo, discípula e amante. Alí coñeceron a Frida Kahlo e Diego Rivera. Conmovida pola explotación na que vivía a clase traballadora da posrevolución mexicana, Tina convértese en activista revolucionaria dende principios dos anos vinte desenvolvendo fortes lazos con membros do grupo da Unión Mexicana de Artistas, entre os que se atopan Manuel Álvarez Bravo, Diego Rivera, Charlot, Siqueiros e Orozco. Durante a súa estancia en México escandalizou á puritana sociedade daquela época por ser unha muller que vivía baixo o mesmo teito cun home que non era o seu marido, nin o seu irmán; saía á rúa logo das oito da noite e compartía a mesa en lugares públicos con varios varóns; ademais de ter o costume de bañarse espida na azotea da súa casa cando chovía. En 1927 afiliouse ao Partido Comunista Mexicano e desde ese ano ata 1940 traballou como editora, colaboradora e fotógrafa da revista Folklore Mexicano. “Maldigo del alto cielo” En 1928 coñece ao revolucionario cubano Mella, nunha manifestación a favor de Sacco e Vanzaetti. Namóranse tolamente e permanecen xuntos ata o asasinato deste un ano despois. Tina que non puidera chorar xunto ao cadáver do seu home, chora despois cando chega á súa casa, ao amencer, e ve os zapatos de Mella baixo a cama. Polo seu constante activismo, en 1930 foi expulsada de México acusada inxustamente de conspiracións contra políticos mexicanos. En 1934 partiu a España onde se alistou ao Quinto Rexemento e traballou coas Brigadas Internacionais, co nome de María. A súa entrega á causa da República e a defensa dos máis débiles é absolutamente notoria durante a guerra civil española. Un ano máis tarde, o goberno de Lázaro Cárdenas anulou a súa expulsión. Tina Modotti morreu dun ataque cardiaco o 5 de xaneiro de 1942 aos 46 anos de intensa e axitada vida ao servizo dos seus ideais. Loitou polos dereitos da clase desposuída nun país que non era o seu, nunha terra que acabou sendo máis súa que de ninguén... Os seus ollos capturaron a través da lente a esencia dese gran país que é México: as súas famosas cananas e mazurcas simbolizan a loita pola liberdade. ”Cos pobres da terra, quero eu a miña sorte botar” A súa vida privada foi diseccionada polo poder e os seus medios acusárona do asasinato do home que máis amou na súa vida; utilizárona como atracción pública nun delirante xuízo no que se demostrou que a situación das mulleres mexicanas era de plena submisión, e que á vista dos homes non tiñan valor algún. Ela deuse conta demasiado tarde. Sempre fumando, vestida de negro, zapatos de tacón baixo, o pelo recollido nun moño, esta era a imaxe que Tina tivo durante toda a súa vida así era a nena de Urdine, humilde, sen pensar xamais en ter ou ser máis que ninguén.
Luz Darriba
|