|
|
|||||
|
Entrevista
a "Hetaria":
Organizámonos como Colectivo en Defensa dos Dereitos das Prostitutas en 1995, logo de levar uns anos de traballo e relacións con persoas que exercían a prostitución. Un grupo de nós proviña do movemento feminista e partiamos dunha posición bastante principista que se podía resumir en "Non á prostitución. Si ás prostitutas". Cando tentamos achegarnos ás traballadoras do sexo con esas ideas démonos de conta que o desencontro era total e foron as traballadoras do sexo as que nos fixeron reformular a nosa posición. En 1995 un grupo de prostitutas e feministas decidimos crear Hetaira e centrarnos na defensa dos dereitos para todas as prostitutas, pero centrándonos nos daquelas que queren continuar exercendo como tal, dado que eran as máis esquecidas, tanto polas ONG´s que traballan con elas como polas institucións. ¿Por que credes que a prostitución é un traballo? ¿Por que se nega que a prostitución é un traballo?
Esa é a pregunta que a min me suxire este asunto da prostitución
xa que é un traballo porque unha porcentaxe importante de mulleres
fan diso o seu medio de vida. Pero ademais, na loita contra o estigma
patriarcal que recae sobre as prostitutas, a consideración de
que o que fan é un traballo é o primeiro punto para a
autoafirmación destas mulleres. Así deféndeno elas
e así o demostrou o movemento internacional polos dereitos das
prostitutas. Consecuentemente, o que hai que preguntarse é por
que se lles nega a palabra e as súas propias análises,
por que se noutros traballos loitamos para mellorar as condicións
de exercicio, para este pídese a súa abolición.
¿Non será que se parte dunhas posicións determinadas
sobre a sexualidade, en que a heterosexualidade está baixo sospeita? ¿Por que mantedes unha postura de legalización en oposición á abolición? Porque a abolición é unha postura moi ideoloxizada que na práctica en lugar de favorecer ás prostitutas, discrimínaas aínda máis e as reprime. En teoría, as abolicionistas pretenden defender os dereitos das prostitutas, pero na práctica as políticas abolicionistas sempre se combinaron con prohibicións e represións porque ¿que facer con aquelas prostitutas que se negan a abandonar a prostitución? O que sempre se fai é reprimilas e obrigalas a traballar na clandestinidade co consecuente empeoramento das súas condicións de traballo. Ademais, en países como Suecia que aplicou políticas abolicionistas, as mafias aumentaron pola clandestinidade na que teñen que traballar as mulleres. O nome Hetaira foi tomado da tradición helénica, segundo afirmades na vosa web, pero para esa mesma civilización a muller era escrava. ¿Considerades que na actualidade a muller continúa sendo escrava? E neste senso, ¿onde vos centrades coa vosa proclama? Un primeiro problema da vosa pregunta é que a muller en singular non existe, existen mulleres que temos cousas en común e cousas diferentes. Ademais as Hetairas gregas non eran escravas e todas as mulleres gregas tampouco. As hetairas gregas eran as únicas mulleres que tiñan acceso á educación e que souberon gañarse un lugar privilexiado e de respecto nunha sociedade profundamente patriarcal. Evidentemente na actualidade e no noso país as mulleres en xeral non son escravas. Outra cousa é que hai mulleres e homes que foron enganados e traficados por mafias que traballan en réxime de escravitude ben na prostitución, no campo ou en obradoiros téxtiles. A nosa reivindicación a este respecto é que se persiga este delito que está tipificado como tal no Código Penal e que se poñan os medios e a vontade para que esta persecución sexa eficaz. Entre estes medios habería que contemplar a Lei de protección de testemuñas e entender esta protección non como unha contrapartida se as vítimas aportan datos significativos para perseguir ás mafias senón como unha protección ás vítimas dun delito, independentemente dos datos que estas aporten na súa denuncia. ¿Por que pensades que existen tantos prexuízos cara á prostituta? Porque en sociedades patriarcais como a nosa as mulleres somos xulgadas en función da nosa sexualidade e as prostitutas son o límite do que as "boas mulleres" non poden facer. Por iso as prostitutas son estigmatizadas e xulgadas en función do traballo que fan, de tal xeito que llas considera un tipo de muller particular, na que toda a súa vida e os seus actos son vistos dende o prisma de que son prostitutas e xeralmente son xulgadas máis severamente que o resto de mulleres. ¿Por que credes que non hai que penalizar ao cliente como ofrece o modelo sueco? Porque demostrouse, así o expresan as prostitutas suecas, que a penalización do cliente dificulta que as mulleres poidan pactar unhas condicións favorábeis para o servizo sexual e son os clientes os que saen favorecidos por iso, ao ser o trato rápido e semi-clandestino. Pero ademais ¿que ten de malo intercambiar sexo por diñeiro se as persoas que interveñen niso son adultos que saben o que fan? A idea de que hai que castigar aos clientes obedece a un prexuizo no que se presupón que os clientes "queren comprar escravas sexuais" e iso é unha xeneralidade que non se corresponde aos clientes en xeral. Se hai clientes que agreden, abusan ou insultan a unha traballadora do sexo -que obviamente, hainos- existen leis xerais máis que suficientes para que estes sexan castigados, pero o que hai que denunciar son os abusos, as agresións ou os insultos, non a compra de sexo. A sexualidade, do mesmo xeito que outros comportamentos humanos, debe rexerse por valores como o respecto, a liberdade, a solidariedade... que medie diñeiro ou non só debe incumbir a quen participa niso. Se a prostitución é un traballo digno como calquera outro, ¿credes que as vosas fillas deberían herdar a mesma profesión que as súas nais? O importante é que as fillas herden unha serie de valores e
non un traballo. ¿Que mineiro quere que o seu fillo sexa mineiro?
Todos os proxenitores aspiran a que os seus fillos melloren e non por
iso consideran indigno ao que se dedican. Unha cousa nada ten que ver
coa outra. ¿Cal é a opción que ten unha muller prostituta para saír da rúa e inserirse socialmente, xa que a prostitución é considerada pola meirande parte da sociedade como unha condición social de precariedade? A prostitución non é unha realidade homoxénea, pódese traballar como prostitutas en condicións moi diferentes e só nalgúns casos existe precariedade. É un prexuízo considerar que a prostitución é unha condición social de precariedade. Ademais ¿que se quere dicir con precariedade? ¿Porque hai exclusión social? ¿Porque se gaña pouco diñeiro? ¿Porque quen a exerce está estigmatizada? Independentemente desta discusión é evidente que hai mulleres que queren deixar a prostitución ben porque viven mal a estigmatización, ben porque xa non teñen moitos clientes pola idade que teñen, ben polo que sexa... Nestes casos nós sempre demandamos que se establezan programas de formación profesional para estas mulleres e plans de emprego realistas que faciliten a súa inserción no mercado laboral actual. Programas e plans que a día de hoxe son inexistentes. No entanto, a palabra reinserción non nos parece axeitada tanto polo que dixemos anteriormente como porque as estigmatiza ao consideralas case delincuentes. Elas non necesitan "reinsertarse", moitas viven esta expresión como un insulto. ¿Poderías desbaratar ese mito acerca da "muller de vida fácil"? Calquera que traballe con prostitutas ou coñeza as súas vidas sabe que non teñen unha "vida fácil" senón todo o contrario. Ese mito ten que ver coa ideoloxía patriarcal que considera que a muller que se entrega a varios homes é unha "muller fácil", pero nin as traballadoras do sexo entréganse aos homes senón que dan un servizo acoutado en tempo e actividade, nin unha muller que teña relacións sexuais con varios homes é fácil. ¿A que problemas debe enfrontarse unha muller na rúa, a que perigos? Actualmente e ao non estar recoñecida a prostitución como traballo nin os dereitos das traballadoras os problemas son múltiples: acoso policial en grandes cidades nas que se persegue a prostitución de rúa, como Madrid, Barcelona, Valencia... conflitos cos veciños ao non existiren zonas de tolerancia onde se poida exercer tranquila; inseguridade ante as agresións que sofren por parte de "niñatos" ou grupos "neo-nazis"; indefensión ante os abusos que poidan exercer algúns clientes; imposibilidade de regular a súa situación no caso das inmigrantes por non estar recoñecida a prostitución como un medio de vida lexítimo... ¿Cales son os responsables do maltrato cara ás prostitutas? Cando existe maltrato os responsables poden ser diferentes: a policía, os veciños, grupos organizados, clientes, os donos dos clubes, outras prostitutas, as normativas municipais que abusan da súa situación de vulnerabilidade...É importante ter en conta especialmente que as normativas que penalizan ás prostitutas de rúa coma se fosen delincuentes favorecen as agresións como está pasando en Madrid e Barcelona. Así mesmo, o non recoñecemento da relación laboral entre os donos dos clubes e as prostitutas favorece os abusos laborais, pois non existen leis que defendan os dereitos destas. ¿Por que recibides tanto rexeitamento social. Se tiverades a posibilidade de saír da rúa, fariádelo? Cremos que, en parte, xa está contestada esta pregunta co do
estigma. Ademais no caso da prostitución de rúa ao non
estar legalizada e non contar con espazos habilitados para ela, adóitanse
colocar en barrios populares, que concentran diferentes conflitos e
nos que elas se converten no "chivo expiatorio" por seren
dos sectores máis vulnerábeis e estigmatizados. ¿Como foi a experiencia de asesorar na filmación da premiada película "Princesas"? Unha experiencia marabillosa polo respecto e o recoñecemento que recibimos por parte de todo o equipo da película e especialmente de Fernando León de Aranoa que nos acompañou nas nosas actividades durante un ano e pico antes da rodaxe. Elas sempre lle agradecerán que lles escoitase, que as tivese en conta. Recoñecédevos como protagonistas daquela historia. ¿Sentides identificación con algún deses personaxes e desas historias de mulleres? Recoñecémonos en moitas anécdotas e trazos dos personaxes porque están sacados da experiencia de vida de moitas prostitutas que Fernando foi escoitando no tempo que estivo acompañando a Hetaira. E tamén en moitos dos problemas que se reflicten na película: a dificultade para definirche ante os demais como "puta", as extorsións en que se ven envolvidas algunhas mulleres polo feito de atoparse en "situación administrativa irregular", etc... ¿Sentídevos protagonistas tamén da historia? Da historia particular e individual en moitos casos porque se exerceu a capacidade de decisión. Da Historia do país nos últimos tempos empezamos a ser protagonistas, a converternos en suxeitos e interlocutoras e a ser escoitadas nalgúns ambientes. Micaela Fernández Darriba
No anterior número de Foeminas, Vicent Canet e Enrique Javier Díez Gutiérrez, da Plataforma de Homes pola Abolición da Prostitución, dicían que Hetaira "di representar ás prostitutas". En primeiro lugar dicir que nos apena profundamente que homes que se cualifican de "profeministas" poñan en cuestión o traballo dun grupo de mulleres, con 12 anos de experiencia ás súas costas, e que traballa directamente coas afectadas, algo que non todas as organizacións poden dicir. Na nosa opinión, as posicións abolicionistas deberían loitar por conseguir recursos sociais que repercutan directamente sobre as prostitutas (e que a día de hoxe, insistimos, non existen) e poñer en marcha proxectos para quen desexen abandonar a prostitución ofrecendo alternativas viables de emprego, tamén deberían empregarse en denunciar a deficitaria "lei de testemuñas protexidas" que non protexe ás traficadas. O que non podemos entender é que en lugar de traballar por isto se limíten tan só a poñer en cuestión ás organizacións conformadas por prostitutas. ¿Por que negar dereitos a quen os están esixindo?
|