
Galería de Arte
A arte
de expoñer desigualdades

O número 8 de
Foeminas comprácese en presentar
a obra dunha gran artista contemporánea que elabora unha mirada,
a partir da súa propia experiencia, sobre o mundo desigual no
que vive.
Tracey Moffat (1960) é
neste momento unha das artistas máis emblemáticas de Australia,
pero a súa obra trascende as fronteiras porque está inmersa
nunha universalidade histórica. Tracey
Moffat elabora unha visión ampla, plural e poética
acerca dos límites e as desigualdades entre os seres humanos.
Por iso, reproduce nos seus traballos -fotografía, vídeo-
as tensións que xera a hibridación cultural e racial entre
a cultura branca e a aborixe, entre o alto e o baixo e entre a violencia
e a autonomía feminina.
Tracey Moffat do mesmo xeito que Ana
Mendieta (1948-1985) foron criadas por familias adoptivas que
moi pouco tiveron, en términos culturais, que ver coas orixes
das propias artistas. Sen ir máis lonxe Ana
Mendieta, de quen xa nos ocupamos no número inaugural
de Foeminas, foi adoptada por unha familia pertencente a unha comunidade
branca, protestante e conservadora de Iowa en EE.UU e "exiliada"
polos seus propios pais desde Cuba. En Ana Mendieta
hai un desprazamento cultural e xeográfico bastante marcado que
está ben representado na súa obra. No caso de Tracey
Moffat a situación tórnase máis complexa,
xa que Moffat nace en Australia, pero é
de procedencia aborixe e é adoptada por unha familia branca de
clase traballadora en Brisbane. Por este motivo a obra de Tracey
está todo o tempo atravesada por esta "tensa calma"
de conflitos sociais, raciais, sexuais.
A obra de Ana Mendieta ou a de Shirin
Neshat (1957) expón as orixes tranquilizadas pola mestura
e a conversación, no mellor dos casos, entre as culturas.
Beleza americana
Tracey Moffat graduouse
na Universidade de Comunicación Visual no Queensland College
of Art de Brisbane en 1982, e dende entón vive e traballa en
Sydney. A súa obra recolle toda a experiencia da súa
cultura confrontada coa educación que recibiu desde pequena.
A obra de Moffat nútrese da memoria
visual dunha xeración marcada pola imaxe espectacular dos medios.
Por iso é frecuente nos seus traballos a convivencia, por momentos
armónica e por momentos violenta, de elementos ficticios (extraídos
do cine, a televisión, a publicidade, etc.) e feitos reais (autobiográficos,
testimoniais, da cultura local).
Deste xeito e en forma de fixación co pasado a artista recorre
ás películas de Hollywood, á fotografía
publicitaria, aos espectáculos televisivos e aos contos da nenez
con final feliz para darlle marco a este excepcional e frontal choque
social sutilmente censurado pola hexemonía. Isto último
se evidencia en dúas das súas obras máis importantes:
Guapa (1995) e Something More (1989).
Something More, unha das primeiras e fundamentais
obras da artista, está composta por nove fotografías que
narran o soño frustrado dunha empobrecida moza chinesa que abandona
a súa vida rural para probar sorte na cidade. Sen dúbida,
a historia cun final aberto, grazas ao recorte e á fragmentación
das imaxes que intencionalmente traballa a artista para non deixar certezas
na narrativa, culmina cun infeliz final que desmente o mundo hollywoodense
ou publicitario. Deste xeito, a artista enfróntanos coas desigualdades
dunha contorna televisiva que se mostra simétrica e harmónica
pero que oculta outras realidades, outras imaxes.

Con Guapa ocorre algo similar,
esta é unha serie fotográfica que a artista tomou cando
estaba en San Antonio, Texas, e componse de dez imaxes cuxo tema central
é unha competición de patinaxe. Guapa exhibe a
diferentes concursantes de distintas razas que loitan por conseguir
a gloria do premio. Estas imaxes mostran e esconden unha visión
particular das mulleres nunha competencia que as propias mulleres protagonistas
non deberan manter. Dende este punto de vista descarnado a artista pregúntase
polo mundo feminino e o adverso que resulta habitalo polas súas
barreiras raciais e sexuais.
Esta é a descrición dun mundo, ás veces do seu
propio mundo, a xulgar polo seu realismo testimonial, que a inclúe
porque está centrado na hexemonía occidental e patriarcal
da raza branca.
Un mundo feliz

Outro dos temas recorrentes de Moffat
é o conflito especialmente o producido entre as culturas, entre
os sexos, no poder e a dominación propia dos seres humanos.
Un exemplo disto é Up in the Sky (1997) composta por vinte
e cinco fotografías que expón un mundo no que o conflito
e as desigualdades parecen ser a base do intercambio. En Up in the
Sky aparecen imaxes de homes loitando, mulleres desmantelando coches,
tres monxas fóra dunha casa en ruínas na que se descobre
simultaneamente a silueta dunha muller branca que sostén a un
neno. Todas e cada unha destas imaxes están en conflito e contraposición
e describen litixios intersubxectivos. Á súa vez, mostran
desigualdades en forma irónica e absurda que desmente aquela
harmonía social plasmada nos discursos publicitarios.
Dentro desta mesma liña pode rescatarse da obra cinematográfica
de Tracey Moffat: Nice
colored girls (1997), unha película que explora a
historia da explotación entre os homes brancos e as mulleres
aborixes. Nice colored girls ordénase a partir do emblemático
primeiro encontro entre os colonizadores e as mulleres nativas ao mesmo
tempo que describe os denonados esforzos das modernas mulleres aborixes
por cambiar os seus destinos condenados de antemán ao rol subalterno
de raíz social e sexual.
Doutra banda, Night cries (1990) presenta o vínculo que
se establece entre unha muller aborixe de mediana idade que se ve obrigada
pola situación a coidar da súa moribunda nai, branca e
adoptiva. A película mostra por unha banda o intercambio de roles
cando é a filla adoptada a que debe protexer á nai adoptiva
ante a enfermidade e a hostilidade subliminal entre nai e filla de distintas
razas e culturas.
O xogo das diferenzas

Tracey Moffat expón
como ninguén a partir da poética da súa linguaxe
e as sutilezas do seu discurso un mundo de ocultas pero presentes diferenzas.
En Heaven (1997) queda ao descuberto o problema da imposición
da beleza feminina e os estigmas corporais. Este video desmonta o imperativo
estético posto nas mulleres para trasladalo aos homes. Heaven
mostra a narración fiel, documentalista, dun grupo de surferos
que se ispen ante a cámara para poñerse os seus traxes
de baño. A cámara de Moffat
vólvese unha cámara-ollo e dálle a volta ó
papel de voyeur lexitimado polos homes desde a historia da arte e a
muller como obxecto, como musa, ata a forma de venda publicitaria onde
a muller segue a ser obxecto.
En Lip (1999) Tracey Moffat traballa
o mundo feminino a partir do cine de Hollywood. Esta película
elabora unha reflexión acerca do rol que ocuparon as actrices
negras no cine norteamericano. Do mesmo xeito que en anteriores traballos
Tracey Moffat critica de xeito contundente,
certeira e efectiva que entre a arte elevada e a cultura de masas, entre
as razas, entre o feminino e o masculino continúan existindo
múltiples diferenzas.
Sen límites
Con moitos argumentos Tracey
Moffat dende a presentación dos seus traballos en Cannes
(1993) e en Venecia (Bienal 1997) gañouse o lugar de artista
de vangarda. As súas fusións estilísticas e temáticas
sitúanse inexorablemente no límite. Por iso o seu traballo
non se axusta a unha soa materialidade e crúzase coa fotografía,
o cine e o vídeo, indagando nas posibilidades do experimental
e a fragmentación que produce a interpretación da televisión,
a conversación entre culturas e o fenómeno de masas.
As imaxes que ofrece Tracey Moffat son imaxes desacougantes, obscenas,
que perturban, que mostran ese mundo que se ve e que non, que se oculta,
que se padece, que soña. Fotografías, películas,
vídeos de mulleres padecendo, ambiguas, radicais, dominadas,
infelices; e de homes conflictuados dominantes, marxinados, atormentados
e todo acompañado por narrativas poéticas e místicas,
acuciantes, traumáticas que revelan e desvelan, e que unha vez
que se coñecen resulta case imposible esquecelas.