|
|
|||||
| Mullerciclopedia É unha sección
dedicada á recensión de libros, artigos de opinión,
películas, música e todo tipo de expresión artística
ou teórica que involucre a cuestión de xénero en
todos os seus aspectos.
Charlotte Gainsbourg 5:55 Serge Gainsbourg provocaba o escándalo (toda a súa obra é provocación) ao compartir coa súa filla de 13 anos o dueto Lemon Incest-"l'amour que nous ne ferons jamais ensemble" (el amor que nunca haremos juntos), cantaban-. A voz de Charlotte Gainsbourg (nacida en Londres en 1971), un titubeante falsete adolescente, facía de contrapunto á inmortal voz sabor a gitanes do seu pai. A anglo-francesa é tentada a realizar o seu primeiro álbum como adulta por Jean-Benoît Dunckel e Nicolas Godin. Os músicos franceses, coñecidos como Air, tecen para ela un cómodo colchón sobre o que se recosta e canta. Participan escribindo as letras os ingleses Jarvis Cocker e Neil Hannon (The Divine Comedy), conta cos compositores e arreglistas Joby Talbot e David Campbell e a percusión do nixeriano Tony Allen, ademais de ter na produción a Nigel Godrich (artífice de obras de Radiohead, Paul McCartney ou Beck). Convence a interpretación destes temas escritos para ela, próxima á súa nai e próxima a François Hardy ou á española Jeanette, o murmurio e a sensual delicadeza da súa voz, que canta en inglés principalmente con achegas do francés, acompáñannos durante un disco feito á súa medida. Abre co tema-título 5:55; canción de desvelo e espera a esa madrugada onde nada cambia. Fálanos dunha operación quirúrxica onde o corazón donante acaba sendo rexeitado polo seu receptor en The Operation, canción de amor adolescente do mesmo xeito que Everything I Cannot See. Na evidentemente gainsburiana, e single, The Songs That We Sing os arreglos de corda recordan aos preciosistas ataques de arrebato na música do mítico bon vivant. Charlotte entra dentro do selecto grupo de “mulleres fortes que cantan con débil voz” da canción francesa e musas doutras musas. Jose Lemur
|