|
|
|||||
|
Orixe: A nosa Terra O pasado dia 7 a Real Academia Galega decidiu adicar o Día das Letras de 2007 á poeta María Mariño Carou. Nacida en Noia, e despois dunha peripecia biográfica que a levou polo País Vasco, onde estaba en 1936, e diversos lugares de Galiza, botou as dúas últimas décadas da vida en Seoane do Courel, onde tivo fonda amistade con Uxío Novoneira. Foi Novoneira o que coa súa forza natural, batizouna como “Dinamiteira da Fala”. El mesmo, desde a Asociación de Escritores en Lingua Galega e coa colaboración do asociacionismo cultural de Noia, resgatou nos anos 80 a memoria desta poeta que ficara nas canles do coñecemento literario especializado. As súas obras completas en galego foron publicadas en 1994 por Xerais, e no estudo introdutorio Victoria Sanjurjo Fernández sitúa a súa lírica “na tradición popular nutrida na intimidade profunda de muller que acadou a madureza espiritual no momento en que se pon a escribir. A temática intimista, frecuente na literatura feita por mulleres, consegue en María unha altura e calidade sorprendentes. O seu é intimismo radical, profundo, sen concesións, e a súa expresión ten, ás veces, fondura filosófica”. En vida publicou na Editorial Celta de Lugo Palabra no tempo, pero os poemas de Verba que comenza xa foron de edición póstuma, no libro que en 1990 publicou o concello de Noia. O libro publicado en vida levaba un prólogo de Otero Pedrayo no que o ourensán dicía, “María Mariño pensou, cecais, si co seu exempro e palabras poidera guiar leentes e ouvintes cara os cumes do Courel que levamos dentro”. Nun artigo de Miro Villar en A Nosa Terra (número 448), fala dos poemas finais de María Mariño, expectante ante a morte segura, “versos de desgarramento que chegan a ferir a nosa propia sensibiidade. É a mesma palabra dorida que moitos lembramos na poética dun autor xoven que tivo idéntica sorte adversa, Eusebio Lorenzo Baleirón. María Mariño Carou sabe que a leucemia está a se apoderar de toda ela “carbón de min queren facer / como a chama non fai brasa”. Nese mesmo traballo Miro Villar refírese á influencia de Novoneira na poeta, “mención aparte son as dúbidas de autenticidade da súa voz que segundo algún crítico está sobexamente influenciada por Novoneyra, pronunciamento basado nas poucas leituras poéticas da noiesa do Caurel. A ese respeito o estudo de Carmen Blanco “A figura literria de María Mariño Carou”, pode ser dabondo clarificador. Nós ficamos para rematar coa cita de Adrianne Rich que a profesora antepón ao seu traballo de análise: a mentira patriarcal manipulou ás mulleres tanto através da falsidade como de silencios”. |