|
|
|||||
| Juana de América O seu nome real era Juana Fernández Morales, coñecida universalmente como Juana de Ibarbourou. Esta marabillosa poeta naceu precisamente un 8 de marzo, data que se transformaría co tempo no Día Internacional da Muller Traballadora. A cidade que a viu nacer en 1892 foi Melo, na República Oriental do Uruguai. O nome artístico de Juana de Ibarbourou foi tomado do apelido do seu marido con quen casou con tan só 20 anos de idade. A nai de Juana pertencía a unha das familias españolas máis antigas e tradicionais do Uruguai.
O pai de Juana era galego de Lugo, máis precisamente da zona de Lourenzá. Precisamente a Biblioteca Municipal de Lourenzá leva o nome da poeta. Tamén a cidade de Lugo honra cunha rúa o nome de Juana de Ibarbourou. Como sostén o traballo de Cristina Curral Soilán “ROSALÍA E IBARBOROU, VIAXE DE URUGUAI A PADRÓN”, Juana de Ibarbourou foi máis que unha poeta uruguaia, foi unha auténtica escritora da hibridación e da diáspora. “Malia que son varios os teóricos que apuntan á idea de que os versos de Rosalía calaron fondo na persoa de Juana, existen poucos estudos que o demostren de xeito conceptual cando, sen dúbida, son moitos os vínculos familiares que unían a Juana coa terra galega xa que o seu pai era dun pobo da provincia de Lugo. Como proba de tales vínculos quedaron os vestixios que a mesma Galicia deixou na súa poesía, e a pegada da escritora galega Rosalía de Castro é un de eles”. A influencia do seu pai galego non pode negarse na súa formación e creación artística. No anterior traballo mencionado de Cristina Curral Soilán realízase a seguinte cita de Juana de Ibarbourou: “(...) Era español o meu pai, e baixo o rico dosel do emparrado adoitaba recitar enfaticamente os cantos de Espronceda e as doces queixas da súa nemorosa Rosalía de Castro. Nunca coñecín festa maior. E aí está o que pode chamarse o xénese da miña vocación poética, ou, con máis propiedade, o comezo do seu exercicio (...)”. Para Curral Soilán “non pode haber unha afirmación máis clara que evidencie o resultado de tan cedo coñecemento da literatura da escritora galega. A propia Juana afírmao, foi a lectura que o seu pai facía dos versos rosalianos a que fixo nacer o xerme da poesía de Juana de Ibarbourou”. Sen dúbida, Juana de Ibarbourou e a súa obra é o resultado do encontro entre dúas culturas diferentes e similares, todo o observado desde nena do seu país de nacemento, o Uruguai, as súas rúas, as súas formas, o seu río e a súa xente sumado á herdanza simbólica do seu pai e tamén da súa nai posibilitou a aparición dunha orixinalidade e dun estilo incomparable. Isto converteuna nunha gran cultura do modernismo no que se refire á poesía Latinoamericana. Ao longo da súa vida publicou máis de trinta libros de poesía, aínda que tamén cultivou outros xéneros como as memorias da súa infancia “Chico Carlo” (1944) e un libro para a nenez. Debido á súa frescura, á beleza das súas palabras, á esperanza de cada verso e tamén á melancolía foi destinataria dunha ampla popularidade que a converteu en “Juana de América”. Deste xeito foi elixida miembra da Academia Uruguaia da Letras en 1947. Mentres que en 1959 foille concedido o Premio Nacional de Literatura, inaugurando a condecoración ese mesmo ano. Entre os seus tres libros modernistas máis destacados atópanse: “As linguas de diamante” (1919), a colección de prosa poética “O cántaro fresco” (1920) e “Raíz salvaxe” (1922). Pero una das súas obras máis cara á infancia e que se le nas escolas do Uruguai como o Platero e eu de Juan Ramón Jiménez, é “Chico Carlo” . Pódese mencionar que estes libros tiveron unha enorme repercusión internacional e foron traducidos a varias linguas. Juana, por influencia de Rosalía, do seu pai, atopouse en diferentes épocas e en distintos espazos xeográficos compartindo os mesmos temas e as mesmas paixóns. Entre as súas temáticas máis recorrentes atópanse: a vida, a morte, a beleza, a natureza, a nostalxia, a nación, o amor, a diáspora e por suposto: as mulleres. Rosalía de Castro é para Galicia o mesmo emblema que Juana de Ibarbourou é para o Uruguai, simplemente unha figura respectable, unha vida a imitar e a tomar de exemplo. Para Juana, como para outras mulleres, non foi sinxelo converterse na “Juana de América”; moitas lecturas, moita escritura e moitas experiencias boas ou traumáticas atravesaron a súa vida. Con todo, puido transformalas en arte, en creación, en poesía e hoxe todas e todos coñecemos a través do seu legado o pracer de descubrir un tempo e una historia nova. Juana de Ibarbourou morreu en Montevideo o 15 de xullo de 1979 deixando a América repleta de Juana. Micaela Fernández Darriba
|
|||||