Portada

Plan de Igualdade
Galego Castellano

Casa da Muller

Noticias

Historia de mulleres
Historia de Mujeres

Axenda Cultural
Agenda Cultural

Galería de Arte
Galería de Arte

Mullerciclopedia
Mujerciclopedia

Mullerrecetario
Mujerrecetario

Viaxeiras
Viajeras

Opinionas

Conectadas

Becas e axudas
Becas y Ayudas

Staff

Contacto

         
   

Galería de arte:

Sylvia Plachy: No nome da nai

A sede da Fundación Caixa Galicia en Lugo está expondo a mostra dunha destacada fotógrafa contemporánea. Nai do actor Adrien Brody, sen dúbida a Sylvia Plachy (Budapest, Hungría, 1943) non lle queda máis remedio que comezar a ser agora observada polos massmedia por esta situación biolóxica. Ela é unha fotógrafa, co inmerecido lugar que continúa ocupando a fotografía no noso tempo, mentres que o seu fillo é un afamado actor de Hollywood (podería dicirse en grao sumo significativo da cultura de masas).

Foi Sylvia Plachy quen revelou a cidade de Nova York nin ben chegada de Budapest coa súa familia á idade de quince anos, lendo as súas rúas e plasmando diversas realidades a través da súa cámara. Plachy tamén logrou inquietar con esa narración vista e non vista.

"De esguello" é o título da exposición que se está presentando en Lugo, onde se reúnen máis de cen obras que expoñen a súa traxectoria tanto na utilización da cor como do branco e negro, e onde ademais podemos decubrir imaxes inéditas do seu traballo.

Obras inéditas e ata presentadas por primeira vez no Estado a pesar de tratarse dunha artista crave da fotografía norteamericana. Isto dá conta da expectativa que pode xerar unha exposición que, non obstante a fama adquirida polo seu fillo, se expresa agora no nome da nai. Neste caso o intercambio de roles resulta beneficioso. A arte anteponse á masividade da industria cultural e achéganos a unha obra marabillosa.

É importante recordar que recibiu o Premio Lucie Award organizado por Women In Photography International no ano 2004. As imaxes de Plachy están cargadas de incógnitas. Contémplanse en suspenso entre o mirar e o non mirar ou como o seu título indica "de esguello". E este quizais sexa a única abordaxe posible a través da que poidamos ver as cousas para non sentirnos feridas ou feridos.

O imprevisible apóiase na tensión propia que xeran as grandes metrópolis neste caso unha tan complexa como é Nova York. Deste xeito, Plachy interpreta a cidade, vívea e tamén a actúa.
Esta retrospectiva presentada en Lugo iníciase co libro Unguided Tour, onde se sitúan, a criterio das curadoras e curadores, as mellores fotografías de Plachy que encabezaron, entre 1982 e 1993, o semanario neoiorquino The Village Voice.
Tamén se expón series recollidas en Red Light (Luz vermella) acerca do problema da prostitución e Self Portrait with Cows Going Home (Autorretrato con vacas indo a casa), sobre o seu lugar de orixe, a terra da súa infancia que tivo que deixar.

Quizais os datos que seguen a continuación sexan irrelevantes para o mundo do espectáculo pero non os podemos obviar no mundo da arte. Por iso a súa obra está colgada no Museo Metropolitano de Nova York, o MOMA ou o Museo de Arte Moderna de San Francisco, e expuxo en Francia, Inglaterra, Alemaña, Hungría, Canadá, Xapón e Estados Unidos.
Desta forma, descubrimos que a nai tamén tiña unha historia que contar e que só podía expresarse con nome propio.

Micaela Fernández Darriba


Jean Michel Basquiat, 1982

 


Barbie, Fábrica Mattel, 1993

 


Baixo a ponte de Williamsburg, 1987

 


Tom Waits, 1985

 


Topo, 1982

 


Andy Warhol, 1973

 


Jorge Luis Borges, 1984