![]()
|
|||||
MullerciclopediaÉ unha sección dedicada á recensión de libros, artigos de opinión, películas, música e todo tipo de expresión artística ou teórica que involucre a cuestión de xénero en todos os seus aspectos. O CLUB DA CALCETA
Un dos agasallos que recordo con máis nitidez ter recibido polos reises foi unha estupenda maquiniña de facer calceta, a “Tricotosa”, como así a lembrarán moitas nenas da miña quinta (ao fin e ao cabo daquela aínda non se levaba o tema do xoguete unisex), con ela tecía trapiños de colores – a máquina a pesar das excelencias coas que nos convencía a publicidade non daba para moito máis- pero prestaba tanto ver como cada liña de cor se xuntaba coa inmediatamente anterior a modo de cálido arco da vella que xa non podiamos pensar noutra cousa que nas decenas de minibufandiñas que locerían as nosas bonecas… desde entón, asociada á lá de cores e aos trapiños cos remates espeluxados, quedou illado no me meu maxín con sensación de antigüidade o verbo “calcetar”, unha acción que non sei ben por que se reserva dende hai xa tempo ás mans das mulleres máis maiores, as que peinan canas, e recordos, e agarimos e unha chea de sabedorías de valor incalculable que o tempo reserva só para elas. Coa súa obra “O Club da calceta”, a escritora viguesa María Reimóndez, ademáis de gañar o XIII Premio Arcebispo Iván de San Clemente, retoma este tópico para facer del un inicio de camiño da man de Elvira, unha calcetadora nata, así, a obra, coma se de un xersei se tratase, mata dous puntos no medio, dá volta do revés, mata dous á ida, dá volta do dereito, mata dous á volta, así ata entretecer a nova vida de seis mulleres de xeracións e sustratos ben distintos unidas por un espacio común, rodeadas de lá e cestos cheos de agullas. Matilde, Anxos, Rebeca, Elvira, Luz e Fernanda acadan un lugar de seu para recuperar a figura da tía Davinia, un exemplo de muller loitadora e soterrada como moitas que o foron no seu tempo, aproveitan o pouco que saben dela para sacar á luz a loitadora que todas levan dentro. Cristina Corral Soilán |