Portada

Plan de Igualdade
Galego Castellano

Casa da Muller

Noticias

Historia de mulleres

Axenda Cultural

Galería de Arte

Mullerciclopedia

Mullerrecetario

Viaxeiras

Opinionas

Foeminas Panorámica

Conectadas

Foro

Becas e axudas

Staff

Contacto

         
   

 

Historia de mulleres
Matilde Landa:
A loita dunha muller contra o franquismo

(Segunda parte)


O distanciamento e os acontecementos bélicos supuxeron un golpe para o matrimonio de Matilde. Ela e o seu marido separáronse amistosamente durante a guerra. En canto a Carmen, a súa filla, a guerra sorprendeuna en Galicia xunto á súa tía Jacinta, de vacacións no pazo de San Fiz de Vixoi. Viaxou xunto aos seus tíos de Francia a Barcelona, para chegar finalmente ás colonias de Valencia onde residiu, mentres que os seus tíos, irmáns de Matilde realizaban tarefas pedagóxicas e organizativas. Alí Matilde visitouna en varias ocasións antes de evacuala á Unión Soviética no verán do '38.

Finalizada a guerra e tras o traslado dos seus outros irmáns a diferentes puntos, a súa irmá Aída era case a única familiar en España de Matilde e que lle servirá de apoio en moitas ocasións ao longo destes anos.

Durante marzo do '39 Matilde Landa será designada para encabezar o PCE en Madrid durante un congreso clandestino, incluíndo o seu ámbito de actuación tamén as provincias de Cuenca, Guadalaxara e Toledo. Isto convertíaa practicamente no único referente da organización secreta en España. O labor do partido neste momento organizaríase ao redor de pequenas células que pronto caerían en mans da policía franquista. No caso de Landa, que actuaría como Elvira, non puido case accionar. Encargada de organizar a fuga dos dirixentes do partido Domingo Girón, Eugenio Mesón e Guillermo Ascanio, fracasou pola indiscreción dunha antiga dirixente e os tres serían entregados ás autoridades franquistas e fusilados en 1941.

Por mor diso caeu o militante Joaquín Rodríguez, o que facilitaría a localización de Matilde, que foi detida xunto á súa secretaria María Guerra Micó o 4 de abril de 1939. O 12 de abril Matilde pasou á sede central da Dirección Xeral de Seguridade onde foi interrogada polo comisario Jesús Cabezas, e en contra do que era habitual, Matilde non foi torturada fisicamente, algo extrañísimo na época. Sabendo quen era ela, moitas compañeiras atribúen o feito á súa ilustración e á súa clase social, aínda que outras confesan que a Matilde lle dixo un policía que sabía que os malos tratos no seu caso só servirían para aumentar a súa resistencia. Por iso o seu castigo foi a incomunicación, sen luz ata, durante seis meses e o escoitar as torturas ás que foi sometido o seu compañeiro Joaquín Rodríguez. Puido librarse do seu castigo retractándose da súa ideoloxía, algo que rexeitou enerxicamente.

Durante a súa comparecencia na súa detención foi acusada de ser membro destacado do partido comunista, moi perigosa pola súa cultura e o seu convencemento ideolóxico. Ela pola súa banda rexeitou a acusación, admitindo só ter ingresado no partido en maio ou xuño do '36 e desempeñar distintos cargos de asistente durante a guerra, é dicir só de axuda humanitaria e social, lonxe de relación política algunha. Non delatou a ninguén e dixo que a súa secretaria era empregada doméstica exculpándoa así de toda responsabilidade.

O 26 de setembro do '39 pasou á prisión de Vendas. Matilde foi procesada polo Capitán Álvaro Soto Burgos o 7 de decembro do '39 e o fiscal solicitou pena de morte. O seu defensor simplemente expuxo que os feitos debían ser considerados como constitutivos dun delito de auxilio á rebelión sen circunstancias modificativas. Matilde limitouse a afirmar que non representara ao PC. E aínda que no acta que a acusaba afirmábase "que en todo momento foi colaboradora do PC, sendo encargada polo mesmo da súa organización na España de Franco en calidade de secretaria xeral", na sentenza non se fixo a máis mínima referencia a esta circunstancia. Algúns autores, como Fernández Hernández Folgado, sinalan que iso se debería ao machismo daqueles xuíces que se negaban a admitir que un cargo de tal relevancia fose posto en mans dunha muller.

Cristina Corral Soilán

 


Matilde (esquerda) con Julia Cossío en San Victorio (A Coruña)


Matilde con Carmen, a súa filla e co seu marido Francisco López Ganivet

 

A terceira e última parte da vida de Matilde Landa publicarase no número 30 de Foeminas.
Doutra banda, a primeira parte desta historia podedes atopala en Historia de mulleres do número 27.

Fontes:
- Ginard i Féron, David,  Matilde Landa. De la Institución Libre de Enseñanza a las prisiones franquistas; Barcelona, Flor del Viento, 2005.
- http://es.geocities.com/matilde_landa/
- http://www.memoriaylibertad.org/lascarcelesfotos.htm
- http://www.larepublica.es/IMG/jpg_trecerosasfoto.jpg