Mullerciclopedia

É unha sección dedicada á recensión de libros, artigos de opinión, películas, música e todo tipo de expresión artística ou teórica que involucre a cuestión de xénero en todos os seus aspectos.

 

Indigo Suite
JAZZ LADIES


Indigo Suite é un dúo formado por Marian Ledesma, cantante, e David Regueiro, guitarra.
Acudimos ao seu concerto na Fnac coruñesa o pasado 25 de Xaneiro, atraídos polo subtítulo de JAZZ LADIES, para presenciar un directo acústico -de jazz espido: de guitarra limpa e voz suxestiva e íntima- no que versionan standards do jazz vocal feminino. Unha coidada selección de cancións interpretadas por mulleres que as converteron en himnos da música popular ligados definitivamente ás súas voces. Mulleres, predominantemente afroamericanas, como Sara Vaugahn, Billie Holliday, Ella Fitzgerald, Etta James, Peggy Lee, ou Nina Simone.

Unha notación precisa coa guitarra, cun son debedor de Django Reinhardt, acompaña á voz de Marian creando unha atmosfera de club de jazz no que nos introducimos, a pesar de que nos atopamos na cafetería deste centro comercial do lecer acompañados por un continuo ir e vir de clientes e algunha que outra recomendación por megafonía. A sobria posta en escena complétase con proxeccións de imáxenes cos rostros, portadas de discos, e actuacións destas Damas do Jazz.

Cada unha das cancións é presentada por Marian, sempre con agarimo e admiración, coa historia que deu vida ás palabras e notas musicais que as conforman. Historias de mulleres que cantaron e cantan, moitas veces desde a exclusión social -esa que marxina segundo onde ou con qué sexo ou cor se nacera-.

Cando John Lennon compuxo, alá no revolucionario 1972, Woman is the nigger of the world (A muller é a negra do mundo) -frase acuñada por Yoko Ono en clara alusión á situación de inferioridade social da muller en todo o mundo-, pode que tivese en mente a moitas mulleres negras que cantaron antes para ser libres e respectadas como compositoras e intérpretes.

Respecto; esa é a palabra que Marian Ledesma usa para falar do seu proxecto Índigo Suite porque “xorde desde o respecto, non a imitación”. Viste coa súa voz esas cancións. Fainas súas, pero como ela di: “Non é a túa voz, son as das demais que fixeches propia”.

Tras cada introdución vai debullando clásicos como My favorite things, Summertime, Fly me to the moon, Don´t explain, o himno You don't know what love is ou os íntimos Cry me a river e My funny valentine nos que recorda á delicada voz de Rickie Lee Jones. E regalan sorpresas como un Desafinado, co que Jobim contestou a Frank Sinatra ao desprezar este, dicindo que lle soaba desafinado, á bossa nova.

Seleccionando standards do jazz vocal feminino, aproxímanos a unha música que foxe dese virtuosismo que -segundo Marian- molesta máis que axuda. Porque o jazz converteuse nunha música elitista para xente erudita, do mesmo xeito que a clásica -o cal a aparta da música popular e a sitúa nun altar para entendidos-. Pero o jazz nas súas orixes comezou como unha música da rúa, música para bailar e acompañar emocións (como ben di José Duarte no poemario jazzístico Poezz).

Nunha conversación posterior para interesarnos por todo o que moveu a Marian a iniciar esta lección de historia do jazz, contounos a orixe de Indigo Suite e o porqué da súa paixón pola música.

Orixinaria da cidade de Bos Aires, onde aos 17 anos deu os seus primeiros pasos artísticos, e onde creou, nun principio acompañada dun pianista, o seu proxecto Indigo Suite. Ao trasladarse coa súa familia a España, hai 6 anos, retomou a idea ao coñecer a David Regueiro nunha jam en Ourense.

Colabora tamén co combo Rumbo Tupá, con quen compuxo o tema Cárceres, sobre a violencia de xénero; ademais de participar en jams alí onde llo piden (é unha asidua do JazzVides). Admira tamén a actuais divas, como Madeleine Peyroux, Erykah Badu ou a unha outsider como Lauryn Hill.

Unha muller que quere expresar sentimentos coa súa voz, que sempre leva unha banda sonora na cabeza e que daría o que fose por ter nacido nun algodoneiro- porque o jazz é negro, está empapado de herdanza africana e supervivencia de escravos e escravas. Unha muller que confesa que “a música poucas veces che fai sentir realizada. As máis che fai ver o que che falta para verte colmada”.

 

jose lemur