![]()
|
|||||
MullerciclopediaÉ unha sección dedicada á recensión de libros, artigos de opinión, películas, música e todo tipo de expresión artística ou teórica que involucre a cuestión de xénero en todos os seus aspectos.
A fotografía, a exhibición e a dor
É de público e notorio coñecemento que Susan Sontag, a crítica, escritora, filósofa e investigadora feminista norteamericana sempre foi unha defensora acérrima dos dereitos humanos e da paz. O libro comeza cunha cita a outra gran feminista e activista pola paz Virginia Woolf. “Ante a dor dos demais” empeza traendo ao recordo “Tres guineas” pertencente á escritora inglesa. Nada é máis conmovedor que ler un libro onde desde os seus inicios se instalan as bases do antibelicismo. Non obstante, lonxe de quedarse só nisto, “Ante a dor dos demais” explora nas imaxes que produciu a modernidade e a posmodernidade e de como nalgúns convenientes casos e noutros non tanto, se elevan á categoría de espectáculo as fotografías nas que se expón a traxedia humana. Neste ensaio, Susan Sontag, como ningunha outra, explica como as imaxes atrápannos e son elas as que nos capturan a mirada. “Recordar é, cada vez máis, non tanto recordar unha historia senón ser capaz de evocar unha imaxe”. “As narracións poden facernos comprender. As fotografías fan algo máis: obsesiónannos”. Entender que a fotografía cambiou o noso particular xeito de recordar e recoñecer os acontecementos é unha parte importante deste libro que é importante ler ata chegar a distintas conclusións sobre as nosas propias prácticas, especialmente nestes días nos que tanta circulación da imaxe, converte isto nunha obrigación ética. Micaela Fernández Darriba |