Galería de arte
María Blanchard
Unha muller artista recentemente rescatada pola historia

Nesta edición de Foeminas ocuparémonos dunha artista vangardista, que como é habitual, necesita un repaso biográfico para poder ser apreciada. Estoume referindo á pintora cántabra María Blanchard (1881-1932).
María Gutiérrez Blanchard, máis coñecida como María Blanchard, naceu en Santander en 1881. Era filla dun xornalista español e dunha nai polaco-francesa; sufría problemas físicos desde o seu nacemento, o que a converteu en branco das nada inocentes burlas infantís desde moi nova.
Na idade adulta, a súa pintura xa tiña moito que ver con ese sentimento de angustia e depresión ante a imposibilidade de acceder ao amor sentimental e de ser nai.
Co apoio da súa familia, trasládase a Madrid coa intención de alcanzar un desexo: poder estudar pintura. Nesa cidade expón en reiteradas ocasións e recibe algunhas distincións polo seu traballo. Isto logra estimulala e lévaa a solicitar unha bolsa na que, por ese entón, era o berce da modernidade artística: París. Unha vez que chega a París comeza a vencellarse cos artistas emerxentes daquela, e os de orixe hispana en particular, entre os que pode mencionarse a: Diego Rivera, Juan Gris, Angelina Beloff, entre outros e outras. En 1916 e logo de sucesivas viaxes entre París e Madrid a consecuencia da Primeira Guerra Mundial, é cando María Blanchard dá unha volta ao seu traballo e envórcase ao cubismo. Alí prodúcese a pasaxe que deixará marcada a súa obra pola impronta das súas viaxes: dunha primeira etapa caracterizada por unha figuración pictórica, produto da formación recibida en Santander e Madrid, a unha etapa absolutamente cubista e modernista derivada da relación que establece coa cultura parisina.
O gran pintor español Victoriano González (Juan Gris) e a amizade que mantén con María Blanchard son a influencia principal, responsable do cambio da artista. Muller con abanico será unha obra indiscutiblemente cubista que recibirá o recoñecemento internacional e será obxecto de estudo tanto no Museo do Louvre como no Museo do Prado.
No entanto, logo deste período de cubismo cara aos anos 20, a artista retornará á pintura figurativa dos inicios. Esta figuración, de características místicas, está relacionada cun vínculo profundo coa súa irmá e os seus sobriños. Nesta nova etapa plasmará naturezas mortas, mulleres e todo o que se relaciona co mundo do cotián. Nesta instancia, inicia unha introspección, produto da enfermidade que culminará coa súa morte en 1932.
Micaela Fernández Darriba




