Portada

Plan de Igualdade
Galego Castellano

Casa da Muller

Noticias

Historia de mulleres

Axenda Cultural

Galería de Arte

Mullerciclopedia

Mullerrecetario

Viaxeiras

Opinionas

Foeminas Panorámica

Conectadas

Foro

Becas e axudas

Staff

Contacto

         
   

 

Historia de mulleres:
Flora Tristán

Unha avoa feminista

Este número de setembro de Foeminas tráenos a historia dunha verdadeira muller viaxeira. Unha muller que se viu obrigada a trasladarse, a reencontrase co seu país natal para recuperar parte da súa vida e dos seus dereitos adquiridos. Hoxe, mirando cara atrás podemos comprender que non só foi a avoa de Paul Gauguin, senón unha das maiores representantes da fusión entre o feminismo americano e o europeo. A historia deste número é nin máis nin menos que a de Flora Tristán.

A lúa chea sobre París…

Hai máis de douscentos anos en París, máis precisamente o 7 de abril de 1803, nace Flora Tristán. Ela foi, sen dúbida, unha das representantes máis notables da alianza entre o socialismo e o feminismo, malia vivir tan só corenta anos.

A razón pola que naceu en París era que a súa nai era francesa e o motivo de levar un apelido tan pouco francés era que o seu pai era peruano.
Ela tivo, como ningunha outra muller da época, a capacidade para cuestionar o asoballamento e a submisión das mulleres que era aceptada como algo natural por toda a sociedade. O seu pai (Marino Tristán-Moscoso) era un coronel peruano baixo o mando da armada española o que o obriga a trasladarse a Bilbao onde coñece á francesa Anne Laisney, futura nai de Flora. O seu pai chegou a recoñecer legalmente á súa filla. Esta situación obrigouna a vivir desde pequena nun cuestionamento da condición masculina.

Con todo, Flora Tristán tivo unha primeira infancia chea de luxos e a casa familiar era visitada por grandes personalidades, entre elas Simón Bolívar. Pero, toda esta situación esgótase cando morre o pai de Flora aos seus catro anos de idade e toda a familia cae na pobreza.

Flora, a traballadora

A morte do pai de Flora Tristán leva á nena a ter que traballar para poder vivir e comeza como obreira nun taller de litografías. Con tan só 17 anos contrae matrimonio co propietario deste taller, André Chazal, baixo a modalidade dun matrimonio de conveniencia, é dicir por necesidade. Con André Chazal ten tres fillos e fillas, a súa filla Aline foi a nai do pintor Paul Gauguin.

Tanto na súa vida “laboral” como no seu matrimonio Flora Tristán sufriu os reveses da sociedade. André Chazal, o marido do que debeu separarse, sometíaa constantemente a maltrato psicolóxico por mor dos celos e a maltratos físicos. Incluso intentou asasinar a Flora disparándolle na rúa e deixándoa malferida en 1838.

No entanto, outra das cuestións que lle impediron converterse nunha muller libre foron os infrutíferos esforzos por cobrar a herdanza paterna que lle correspondía e que estaba en posesión do seu tío Juan Pío Tristán.
É indubidable que todo o maltrato laboral, a violencia machista e a falta de recoñecemento dos seus lexítimos dereitos provocaron que unha das súas reaccións fora converterse na primeira feminista moderna da historia. A súa vida tráxica e sacrificada marcou o camiño da escritura da súa obra Unión Obreira. Nela, Tristán suscita a urxencia e a necesidade da unión de toda a clase traballadora superando todas as diferenzas nacionais para lograr con máis forza a emancipación mundial. Deste xeito, cunha precisa noción das condicións de explotación de traballadores e traballadoras adiántase en 6 anos á publicación do Manifesto Comunista.

Flora Tristán albiscou como ningún ou ningunha outra intelectual da época a dobre dificultade que ofrecía ser muller e ser muller traballadora. En Unión Obreira sostén o seguinte: “O home máis oprimido pode oprimir a outro ser, que é a súa muller. A muller é a proletaria do proletario”.

Curiosamente, Flora Tristán foi unha autodidacta xa que toda a súa formación extraeuna da súa experiencia persoal como esposa dun maltratador, como muller explotada nun taller, como unha muller reclamando a súa herdanza lexítima que lle foi negada. Só cando naceu a súa filla Aline e logo da separación do seu marido en 1825, chega ás súas mans Vindicación dos dereitos da Muller de Mary Wollstonecraft. É alí cando comeza a pensar que a prosperidade da clase incipiente burguesa baixo os ideais da Revolución Francesa vinculados coa igualdade, non pode deixar de lado a educación das mulleres. Do mesmo xeito que sostiveron outras pensadoras feministas, como as galegas Emilia Pardo Bazán e Concepción Arenal, Flora comprendeu que o coñecemento e a educación son pezas fundamentais no camiño para a emancipación das mulleres no mundo.

A viaxe a Perú

O 7 de abril de 1830 Flora Tristán inicia a súa viaxe á terra do seu pai para intentar recuperar a súa lexítima herdanza. Esta viaxe marcará por completo a súa vida e a súa forma de pensar.
En primeiro lugar tivo que realizar unha travesía de catro meses nun barco no que a tripulación era absolutamente masculina, sendo xa algo profundamente rechamante que unha muller soa puidese emprender semellante viaxe. A súa chegada a terras sudamericanas non lle deixou unha recompensa económica, xa que o seu tío xamais recoñeceu parte da herdanza que lle correspondía, pero en cambio puido obter unha experiencia política e antropolóxica, ata literaria que lle permitiu escribir moitas das súas obras. Entre elas, destácanse Peregrinacións dunha Paria obra na que denuncia as distintas manifestacións de exclusión social da sociedade de Arequipa. En Lima puido comprobar a forma de vida das adiñeiradas limeñas en contraposición coas mulleres pobres sometidas a servidume, á mendicidade e á prostitución, e tamén coñece ás mulleres dos pobos orixinarios de América, todas elas ben diferentes ás mulleres que coñecera ata o momento en Europa. Isto obrígaa a reformularse novas teorías sobre a condición feminina de acordo coa súa posición cultural no mapa do mundo.

De volta a Europa

Trala súa experiencia no Perú retorna a Francia convertida nunha muller nova e chea de novas ideas. En 1840 escribe a súa obra Paseos en Londres, na que realiza, do mesmo xeito que Marx, unha das primeiras e máis duras descricións da situación obreira inglesa. Cinco anos antes publicara o seu primeiro libro oficial polos dereitos das mulleres: Nécessité de faire un bon accueil aux femmes étrangères á que lle seguiu ao ano seguinte a novela Menphis.

Flora Tristán faleceu de tifos en Francia en 1844 cando só tiña corenta e un anos. O seu legado, as súas obras gozan dunha contemporaneidade inquietante.

Micaela Fernández Darriba