![]()
|
|||||
MullerciclopediaÉ unha sección dedicada á recensión de libros, artigos de opinión, películas, música e todo tipo de expresión artística ou teórica que involucre a cuestión de xénero en todos os seus aspectos.
Donas diferentes...
O libro que nos ocupa esta edición de Foeminas é moi especial, porque garda para min un anhelo inconfesable. Confeso que desde que a miña irmá mo regalou tardei un tempo considerable en lelo. A razón principal foi a envexa. O libro chámase “Señoras sin fronteras. Las mujeres y la aventura” e fala de diferentes viaxes feitas por mulleres ao longo da historia. Por anos considerei, aínda nacendo na década do 70, que a viaxe estaba reservada exclusivamente aos homes. Nunca imaxinei que a viaxe do Che Guevara por Latinoamérica puidese ser levada a cabo por unha muller. Sempre se antepoñen argumentos ligados á perigosidade do emprendemento. Cos mesmos criterios foron desalentados os meus desexos de viaxar a Brasil para internarme no Amazonas ou simplemente para camiñar polas rúas de Río de Xaneiro. O libro “Señoras sin fronteras. Las mujeres y la aventura” de Barbara Hodgson recupera esas aventuras e exponas como exemplos. Aínda que é certo que a gran maioría daquelas mulleres foron tachadas de insensatas e excéntricas e tiveron que tecer estratexias ás veces de resistencia e outras veces de invisibilización, tamén é certo que son proba fehaciente de que se pode cruzar todo tipo de fronteira. Nesta obra, que conta coa colaboración para falar das viaxeiras españolas de María Pilar Queralt, rexístranse as viaxes de mulleres anónimas que se destacaron precisamente por viaxar. Pero, tamén de famosas mulleres. Entre as máis visibilizadas pode atoparse a Mary Shelley, coñecida por ser a autora de “Frankenstein” ou a súa propia nai Mary Wollstonecraft, autora da “Vindicación dos dereitos da muller”. Tanto nai como filla con experiencias e obxectivos de viaxes completamente disímiles. Este libro, ademais de mostrarnos como, cara a onde e por que viaxaban as mulleres, nos convida, se superamos a envexa da viaxe, a experimentar a través da lectura os lugares máis recónditos do planeta.
Micaela Fernández Darriba
|