
Mullerciclopedia
É unha sección dedicada á recensión de libros, artigos de opinión, películas, música e todo tipo de expresión artística ou teórica que involucre a cuestión de xénero en todos os seus aspectos.
“A elegancia do ourizo”
Muriel Barbery
Hai cousas que non eliximos ao nacer, o ser muller é unha delas, por exemplo, ou o pertencer a unha clase social ou a outra. Das dúas casualidades parten todos os presupostos que dun xeito ou outro chea dan pulo as existencias de “A elegancia do ourizo” da francesa Muriel Barbery.
Renné é a porteira dun edificio parisino no que vive Paloma, unha lista rapaza que naceu nunha familia de “altos voos”; a primeira afirma categoricamente achega da segunda que ten a elegancia do ourizo:
por fóra está cuberta de púas, unha verdadeira fortaleza, pero (…) por dentro, ten o mesmo refinamento sinxelo dos ourizos, que son animaliños falsamente indolentes, tremendamente solitarios e terriblemente elegantes (…). (157)
E efectivamente esa é unha moi axeitada definición para Renné, a protagonista desta historia de historias, que viviu moitas vidas e que en realidade vive agachada tras unha única realidade, o finxir como muller ser alguén que non é.
O descubrimento que unha fai da outra coloca a ámbalas dúas nun punto de encontro máxico no que as súas diferenzas sociais, de idade e ata de experiencias vitais encaixan á perfección nun filosófico puzzle. A presenza de personaxes como o do Señor Ozu ou o de Teresa, a infatigable amiga portuguesa de Renné, enchen de amor e humor un mundo de grandes diferenzas e paradoxos, pero tamén de curiosas coincidencias e realidades.
“A elegancia do ourizo” é unha historia de mulleres, que pola súa diferenza de idade enfocan a vida dun xeito totalmente distinta; o descaro fronte á prudencia, a ironía fronte á paciencia, a rebeldía silenciosa fronte ao desenfadado cinismo, a ousadía fronte ao medo, todos sentimentos ambiguos dependendo do momento feminino que elas viven.
A filosofía, a arte, a cociña, a literatura e cada unha das manifestacións artísticas que se lle atribúen ao ser humano son os ladrillos que constrúen este cárcere de sentimentos de mulleres que é “A elegancia do ourizo”.
Só un problema: o final, aínda que non podemos negar que é como a vida mesma, non hai dúbida.
Cristina Corral Soilán
Enlaces relacionados:
Lectura de capítulos online
Traballos Citados
Barbery, Muriel. La elegancia del erizo. 1a edición. Traducción Isabel González-Gallarza. Barcelona: Seix Barral, 2007.