Portada

Plan de Igualdade
Galego Castellano

Casa da Muller

Historia de mulleres

Axenda Cultural

Galería de Arte

Mullerciclopedia

Opinionas

Conectadas

Foro

Becas e axudas

Staff

Contacto

 

Programa das
VII Xornadas locais
sobre violencia
de xénero.


Informe sobre prostitución en
Lugo.


         
   

Galería de arte
Annie Leibovitz
A mirada a través da cámara

“A fotografía é a mellor sustitución que temos da persoa real, mantennos a súa memoria viva e fainos sentir o puntum, ese racho emocional e intuitivo, ao que tanto se refire Barthes en “A cámara lúcida”

Marga Clark, Impresións fotográficas, O Universo da Representación

“Toda fotografía é un acto de presenza”


Roland Barthes

 

Susan Sontag, unha das máis preclaras pensadoras do noso tempo, compartiu con Annie Leibovitz, case dúas décadas de vida mutua. Amáronse, complementáronse, aprenderon, sen dúbida moito, a unha da outra.
 
Susan reprocháballe a Annie, a escaseza de fotos familiares que había no seus arquivos, e Annie, nun último acto de amor, decidiu facer un libro no que ispe a súa alma. Ela que viu a través do obxectivo a tantas celebridades “en coiros”, decide que a súa parte máis íntima e persoal saia á luz, non xa para compartila coa súa amada Susan que nos deixou en 2004, senón para abrirse a todos/as nós, a ese mundo que a adora, e converteuna en alguén máis famoso que calquera das personalidades que retratou. Alí aparece por suposto a imaxe serena e intelixente de Susan Sontag, viva e morta, a agonía do pai de Annie, o seu fillo e fillas, vindos ao mundo en plena madurez da artista, e toda a enorme bagaxe desta muller, que nun coto masculino onde os haxa, soubo, non só facerse un sitio de honra, senón deixar unha pegada inconfundible no ámbito da fotografía contemporánea.

Anna-Lou Leibovitz, fotógrafa estadounidense, probablemente a mellor paga do planeta, naceu o 2 de outubro de 1949, en Connecticut, no seo dunha numerosa familia xudía. Filla dunha bailarina contemporánea e un Tenente Coronel das Forzas Armadas, coñeceu a vida nómade desde a infancia, debido ao cambio de destino do seu pai, vivindo ata nun kibutz en Israel, lugar no que participou nunha escavación arqueolóxica no templo do rei Salomón.

Annie amosou desde sempre un grande interese por todo o relacionado coa arte; na secundaria, comezou a escribir e a tocar música, e ingresou no Instituto de Arte de San Francisco en 1967 porque desexaba ser profesora. Ao parecer, o interese pola fotografía xurdiu para ela nun cuarto escuro dunha base aérea en Filipinas, onde o seu pai foi destinado durante a Guerra de Vietnam.

Traballa desde moi nova na mítica Rolling Stones, deixando o seu selo en portadas soadas como a de John e Yoko, pouco antes de que este fose asasinado.
 
As principais publicacións de couché e glamour, contan cos seus servizos, e alí tamén deixa constancia da súa particular ollada como na famosa e polémica portada de Vanity Fair con Demi Moore en avanzado estado de xestación. Annie, vive e moi ben por certo, do auxe de toda esa frivolidade contemporánea, pero malia dar leccións de amplo maxisterio, non se engana respecto diso, cualificando a metade dese traballo como “lixo”.

A súa autoesixencia constante obrígaa a furgar dentro do obxectivo, a disparar unha e outra vez, a diseccionar o/a modelo, para que un pouco de alma oculta, emerxa das burbullas da fama e a dolce vita.
E non se conforma con iso, con facer falar ao bromuro de prata ou á imaxe dixital; vaise a Saraxevo a empaparse de miseria humana, de sobredoses de realidade. E segue a traxectoria da vida ata o último alento; co seu pai, coa súa compañeira Susan. E fotografa a paisaxe, a natureza, a vida, demostrando que tanta excelencia no oficio non é en absoluto produto da casualidade.


Neste traballo gráfico con exposición incluída (por estes momentos en Madrid), Annie Leibovitz, recolle instantáneas da súa vida familiar, nas que a súa nai, a bailarina, é unha presenza constante e poderosa. É o imán que atrae ao resto da familia nas consabidas celebracións; nestas fotos non intenta mostrar a perfección técnica tan sabiamente adquirida, senón que aflore a cotidianeidade, a humanidade común que compartimos cos nosos semellantes. Este traballo, dá conta das súas viaxes, as súas viaxes con Susan polo mundo, ou ao corazón da desgraza en Saraxevo, as súas viaxes familiares, pero sobre todo, a viaxe interior, a viaxe ao interior dunha mesma, tan dura, azarosa e aínda que imprescindible, difícil de mostrar para un/a artista. Cando se traballa con emocións, estas fan un percorrido de ida e volta; a imaxe, xa sabemos, complétase coa mirada do outro, da outra. Neste caso a mirada conmovida conmóvenos  e humanízanos a partes iguais. O nacemento do seu fillo e fillas, a morte dos seus seres queridos, a enfermidade que deteriora o corpo e sacode o espírito, son os materiais, da súa propia bagaxe, cos que Annie Leibovitz, apúntanos directo aos sentidos e aos sentimentos. Coma se dun peto suplementario se tratase, Annie saca do mesmo toda a capacidade de conmover que restrinxe no seu traballo “comercial”; non escatima nada, pon a alma a pé de rúa, é xenerosa e sacode as súas entrañas para sacudirnos, para espertarnos.
Annie Leibovtz é unha muller valente, unha cazadora furtiva da imaxe, alguén que non dubidou en vivir segundo os seus canons, apostar pola maternidade a destempo, cambiar continuamente de rexistro e empezar outra historia, en cor ou en branco e negro, con glamour ou con miseria, pero sempre ao lado da vida.

Luz Darriba
http://www.luzdarriba.com

 

 

Mary Quintero "Turicow"

Louise Bourgeois

Mary Quintero "Vaca verde" Cow Parade

Yoko Ono, Rolling Stones

Mary Quintero "Vacastro" Cow Parade

Meryl Streep


Retrato Annie Leibovitz

Retrato Keith Hearing

Autorretrato con hijos

Demi Moore

Susan Sontag

Susan Sontag

Queen Elizabeth

Patti Smith

John y Yoko

Paisaje

Autorretrato a los 18 años

Blythe Danner madre y Gwyneth Paltrow, hija

Annie Leibovitz con una obra detras

Calendario Lavazza 2009

Calendario Lavazza 2009

Calendario Lavazza 2009

Calendario Lavazza 2009