Portada

Plan de Igualdade
Galego Castellano

Casa da Muller

Historia de mulleres

Axenda Cultural

Galería de Arte

Mullerciclopedia

Opinionas

Conectadas

Foro

Becas e axudas

Staff

Contacto

 

Programa das
VII Xornadas locais
sobre violencia
de xénero.


Informe sobre prostitución en
Lugo.


         
   

 

Historia de mulleres:
A BIBLIOTECARIA REPUBLICANA
JUANA CAPDEVIELLE


J.V.R

Por Carmen Blanco

A  bibliotecaria e intelectual progresista Juana Capdevielle San Martín naceu en Madrid en agosto de 1905 e morrería asasinada en Rábade noutro agosto, o mortal de 1936. Esta vila luguesa garda a súa tumba e, desde 2007, réndelle homenaxe nun parque e nun monumento. Como está xa tamén a súa memoria nos nomes dun edificio do Campus universitario e dunha rúa da cidade da Coruña, a cidade de Lugo debería honrala no nome da súa biblioteca pública máis antiga.

Os datos facilitados pola partida de nacemento conservada no seu expediente do Ministerio de Instrucción Pública y Bellas Artes e a memoria dos seus familiares permítennos trazar as orixes persoais e sociais desta intelectual republicana. E, da mesma maneira, a partida de defunción e o resto dos documentos persoais mencionados posibilitan a reconstrución fragmentaria da memoria da súa loita pola liberdade e da represión que a matou e a silenciou. Damos as grazas especialmente a Carmen Veiga de Bernardo, Juan Pérez Carballo e a  todos os familiares de Juana Capdevielle e Francisco Pérez Carballo, así como á arquiveira Evelia Vega, á profesora Isabel Gómez Rivas, ao alcalde de Rábade e a Claudio Rodríguez Fer, por facilitarnos o material imprescindible para esta historia da vida de Juana Capdevielle.

Juana María Clara Capdevielle San Martín naceu en Madrid ás 5 horas do 12 de agosto de 1905, na rúa del Barco, 25. Era filla de Patrocinio San Martín y Mariza e de Juan Pedro Capdevielle y Sissalda. O pai era de orixe francesa e nacera en Baiona, no País Vasco francés, como a avoa paterna de Juana Capdevielle, Juana Sissalda, que, cando a neta nace está vivindo, xa viúva, en Madrid na casa do fillo. A profesión do pai era industrial, pois  proviña dunha familia hostaleira de Béarn e continuou neste tipo de negocio en Madrid e Pamplona. A nai era navarra e nacera en Pamplona, como a avoa materna de Juana, María del Camino Mariza.

O matrimonio Capdevielle San Martín tivo tres fillos: A maior faleceu prematuramente, a segunda foi Juana e o terceiro foi Juan. O irmán varón de Juana naceu en 1908 e, despois de coñecer a noticia da morte da irmá e ocultarlla á nai, loitaría no bando republicano na  fronte de Madrid e no Exército de Estremadura. Ao finalizar a contenda foi confinado nun campo de concentración, logo encarcerado no castelo de Alacante e forzado a traballar en El Goloso. Estudaría Enxeñería Botánica, especializándose en fauna e flora tropical. O seu tratado botánico El bosque de la Guinea. Exploración y explotación, publicado en 1947, estará dedicado á súa irmá e cuñado asasinados: “A la memoria de mis hermanos Juanita y Paco”.  Máis tarde publicou en 1949 Tres estudios y un ensayo sobre temas forestales de la Guinea Continental Española, onde figura como “Director Técnico de la Sociedad Colonial de Guinea”.

Juana Capdevielle fixo estudos de ensinanza media en Pamplona, onde destacou xa pola súa intelixencia. Con posterioridade cursou Filosofía e Letras en Madrid e entrou a formar parte do corpo de Arquiveiros e Bibliotecarios en 1930. Tamén na capital madrileña exerceu a súa profesión, primeiro na Biblioteca Nacional, onde fixo as prácticas, e logo nas bibliotecas da Facultade de Filosofía e Letras, o seu destino desde 1931, e do Ateneo, desde onde potenciou a cooperación entre ambas institucións. Como bibliotecaria universitaria gozou dunha licenza de estudos para pasar catro meses en Francia, Bélxica, Suíza e Alemaña co obxecto de formarse sobre clasificación por sistema decimal. Fora proposta para tal efecto pola Junta de Ampliación de Estudios e foille concedida unha bolsa para a viaxe e a estanza, que realizou a partir de febreiro de 1936. Comezou cobrando 4.000 pesetas anuais, na súa etapa en prácticas, e pasou a cobrar 6.000 pesetas, xa como bibliotecaria da Facultad de Filosofía y Letras, ata que en xuño de 1936 foi ascendida á oitava categoría cun soldo anual de 7.000 pesetas. O 15 de abril de 1936 foille concedido permiso regulamentario para ausentarse de Madrid, por asuntos persoais, e o 14 de maio do mesmo 1936 tres meses de licenza sen soldo, tamén por asuntos propios.

Na súa actividade intelectual como bibliotecaria destacan feitos como a publicación do artigo “La biblioteca de Filosofía y letras”, na revista Compluto da  Federación Universitaria Escolar en 1932, un texto moi comprometido coas reformas culturais do progresismo republicano. Nesta mesma liña están outras contribucións entre as que se encontran as de ser tesoureira da Asociación de Bibliotecarios e Bibliógrafos e colaborar como vocal nos traballos de preparación do II Congreso Internacional de Bibliotecas y Bibliografía, celebrado en Madrid e Barcelona do 20 ao 30 de maio de 1935, no que ela mesma presentou un relatorio sobre as bibliotecas de hospital con intelixentes e humanitarias achegas derivadas das súas prácticas voluntarias nese medio.

Por outra parte, na súa actividade intelectual feminista sobresae de maneira moi especial a súa participación nas Primeras Jornadas Eugénicas Españolas de Genética, eugenesia y pedagogía sexual, que tiveron lugar en Madrid en 1934 e contaron con intelectuais como Roberto Nóvoa Santos, Pío Baroja, Ramón J. Sender ou Hildegart. A súa conferencia versou sobre o problema do amor no ambiente universitario e nela rebateu as teorías misóxinas de Nóvoa Santos e escindidas de Sender, ao tempo que expuxo unha concepción do amor igualitaria -sen dobre moral de xénero-, integral -sen escisións entre mente e corpo- e  asentada sobre os postulados da valentía e da sinceridade, da liberdade e da consciencia, e da responsabilidade, calidades, todas estas, que caracterizan a súa sinxela e forte personalidade.
 
Con esta traxectoria de muller culta e progresista, relacionada formativamente con José Ortega y Gasset e Julián Besteiro -de quen foi alumna-, e con María Zambrano -de quen foi compañeira de estudos-, casa polo civil en Madrid, o 23 de marzo de 1936, con Francisco Pérez Carballo, brillante profesor universitario e político de Izquierda Republicana. Ao mes seguinte o seu home foi nomeado gobernador civil da Coruña e o matrimonio trasladouse a Galicia.

Cando tivo lugar o levantamento militar, permaneceu xunto ao seu marido ata o 20 de xullo en que se prepara a digna resistencia do goberno civil e ela, debido ao seu embarazo, se refuxia na casa dos López Abente, onde a manteñen incomunicada co exterior. O 24 de xullo foi asasinado o gobernador e, con posterioridade e sen ter coñecemento do feito, ela chamou ao goberno civil para obter noticias súas, facilitando deste modo ao inimigo o seu enderezo baixo o engano de que a irían buscar para levala xunto ao seu marido. Así foi detida e encarcerada na Coruña. A primeiros do mes de agosto saíu do cárcere coa prohibición de permanecer na cidade da Coruña e foi recollida en Vilaboa (Culleredo, A Coruña) na casa do deputado de Izquierda Republicana Victorino Veiga. Aí pasou os últimos días da súa vida só co posto, un vestido verde agrisado, e os útiles de aseo, e aí recibiu tamén o 18 de agosto a orde de deportación que non lle deu tempo a cumprir, pois esa mesma noite veu buscala a Garda Civil e á mañá seguinte apareceu o seu cadáver no Km. 526 da estrada Madrid - A Coruña, no Monte da Gándara, ás aforas de Rábade. Houbo persoas que a identificaron de inmediato e mandaron noticia do seu asasinato á familia, que a andaba buscando. Tales novas chegaron a través de Begonte, onde tiña a súa casa familiar Victorino Veiga. Mais na partida de defunción figura como de identidade descoñecida:

 

Folio núm. 167

Registro civil de defunciones

En Rábade, provincia de Lugo, a las doce y cuarenta minutos del día diecinueve de Agosto de mil novecientos treinta y seis, ante D. Jesús Enríquez Castro, Juez Municipal, y D. Manuel Rodríguez Gómez, Secretario, se procede a inscribir la defunción de una mujer desconocida de treinta y cinco años de edad, natural de se ignora, provincia de se ignora, hija de D. se ignora y de Dª idem domiciliada en se ignora, de profesión ignorada y de estado ignorado, fue hallado el cadáver a las ocho de ayer a la distancia de un kilómetro de este pueblo en el punto llamado “Monte de Gándara”, kilómetro 526 hectómetro 3 de la carretera general Madrid-Coruña en dirección a ésta última capital a seis metros de la margen derecha; sus señas son: color moreno, pelo negro y corto, viste traje gris, medias de seda, zapatos blancos dibujados con piso de suela y tacón alto, tenía reloj de pulsera de señora niquelado de forma alargada con cinta blanca en la muñeca derecha y un aro o sortija de oro en el dedo del corazón de la mano derecha que fueron ocupados lo mismo que dos pañuelos de bolsillo pequeños, blancos sin iniciales; falleció en Rábade, lugar dicho el día dieciocho de agosto de mil novecientos treinta y seis a las cinco aproximadamente a consecuencia  de disparos de arma de fuego [en] pecho y cabeza, según resulta de certificación facultativa, diligencia de autopsia y reconocimiento practicado, y su cadáver habrá de recibir sepultura en el Cementerio de Rábade

Esta inscripción se practica en virtud de orden de la Superioridad fecha de ayer, habiéndola presenciado como testigos D. Pedro Rozas Domínguez y D. Antonio González y González, mayores de edad y vecinos de Rábade

Leída esta acta se sella con el del Juzgado y la firman el Sr. Juez y los testigos de que certifico.

Jesús Enríquez
Pedro Rozas
Antonio González
Ante mí Manuel Rodríguez.

Ata rematada a guerra, a nai de Juana, Patrocinio San Martín, non sabe do asasinato da súa filla. Como consecuencia do coñecemento da súa morte temos documentadas dúas actuacións da proxenitora. Unha en relación coa profesión de bibliotecaria da filla e outra relativa á identificación do seu cadáver.

Con data do 2 de agosto de 1939 Patrocinio comparece ante o Jefe del Servicio Nacional de Archivos, Bibliotecas y Museos, como nai da funcionaria, que foi do Cuerpo facultativo de Archiveros, Bibliotecarios y Arqueólogos, para informar da morte da filla, segundo consta no Expediente persoal número 205 de Juana Capdevielle San Martín do Ministerio de Instrucción Pública y Bellas Artes. Nel dá conta das novas do  seu falecemento, manifestando que “según sus noticias e informes que ha recibido, su hija dª Juana falleció en la ciudad de La Coruña el día 18 de agosto de 1936”.

Así, a nai de Juana, xa coñecedora do asasinato da súa filla e mentres o seu fillo Juan se atopaba preso no cárcere do Castelo de Alacante, solicitou a exhumación e o recoñecemento do cadáver de Juana, que realizou o amigo da familia Manuel Gómez-Acebo. Como consecuencia desta xestión, na marxe esquerda do mesmo folio do rexistro civil de defunción de 1936, escrito en tinta negra, engádense en 1939, en tinta azul, o nome e apelidos que non aparecían na partida inicial, Juana Mª Clara Capdevielle y Sanmartín, e a seguinte nota:

Nota

Por auto dictado por el Sr. Juez de Instrucción del partido, don Carlos Humberto Santaló Ponte, de fecha doce de septiembre de mil novecientos treinta y nueve se acordó y mandó a este inferior a medio de mandamiento de igual fecha adicionar a esta inscripción los siguientes datos:

Que esta inscripción se refiere a Dª Juana Mª Clara Capdevielle Sanmartín, que nació el día doce de agosto de mil novecientos  cinco, en estado de viuda de Don Francisco Pérez Carballo, sin sucesión, era hija de Don Pedro y de Dª Patrocinio, natural de Madrid, perteneciente al Cuerpo de Archiveros arqueólogos, y últimamente domiciliada en La Coruña.

En cumplimiento de lo mandado se pone la presente nota marginal, en Rábade a veinticuatro de octubre de mil novecientos treinta y nueve.
El Juez encargado del Registro, Manuel Fernández
El Secretario, Manuel Rodríguez.

Igualmente, a nai encargaría a Manuel Gómez-Acebo a colocación da placa de mármore que identifica a tumba co nome, a data da morte e unha cruz, tal como se pode ver hoxe no cemiterio de Rábade.

Juana Capdevielle pasou os últimos días da súa vida desposuída de todo no cárcere da Coruña e na casa de acollida de Culleredo. Os franquistas nin sequera lle deron as pertenzas persoais que levaba o seu marido no momento do seu fusilamento. Só chegou a ela a breve pero intensa carta de amor de despedida que Francisco Pérez Carballo lle dirixiu á súa muller momentos antes de morrer e que foi conservada pola familia. Di así:

Juana:

Has sido lo más hermoso de mi vida.

Donde esté y mientras pueda pensar, pensaré en ti. Será como si estemos juntos. Beso tu anillo una vez cada día. Te quiero

                                                               Paco

 

Para Juana Capdevielle, mi querida esposa.

Viernes, 24 de Julio de 1936, cinco de la madrugada.

O asasinato de Juana Capdevielle foi unha terrible ignominia mais queremos pensar que ela entrou na morte co infinito consolo do amor, como antes fixera o seu home. E sabemos que só o amor e a liberdade nos liberarán algún día. Como os que houbo nas vidas de Juana Capdevielle e Francisco Pérez Carballo os liberaría a eles. 
   

BIBLIOGRAFÍA DE JUANA CAPDEVIELLE

“La biblioteca de Filosofía y letras”, Compluto. Revista de la A.P.E.F.L. (FUE), 1, Facultad de Filosofía y Letras, Universidad Central, octubre, 1932.

“El problema del amor en el ambiente universitario”, Enrique Noguera y Luis Huerta (dirs.), Libro de las Primeras Jornadas Eugénicas Españolas. Genética, eugenesia y pedagogía sexual, Madrid, Javier Morata Editor, 1934, vol II, pp. 274-292.

Extracto sobre bibliotecas de hospital en Jesús Gascón García, “El congrés de l´IFLA de 1935 (Madrid, Barcelona, etc.): història i textos”, ITEM. Revista de Biblioteconomía i Documentació 12, Gener-Juny 1993, pp. 37-61.

BIBLIOGRAFÍA SOBRE JUANA CAPDEVIELLE

“Testimonio de Ángel Pérez Carballo sobre su hermano Francisco, Gobernador civil de La Coruña fusilado el 24-7-1936”, Carlos Fernández Santander, Alzamiento y guerra civil en Galicia (1936-1939), Sada-A Coruña, Ediciós do Castro, 2000, vol. 2, pp. 684-705.

Blanca Calvo / Ramón Salaverría (Ed.), Biblioteca en guerra, Madrid, Biblioteca Nacional, 2005.

Carmen Veiga de Bernardo, “Carta a Rosa Regás sobre Francisco Pérez Carballo y Juana Capdevielle”, Unión libre, 11,Vermellas, Ediciós do Castro, 2006.

Carmen Blanco, “Xoana Capdevielle”, Marea negra 11, Ferrol, xaneiro-febreiro, 2006, p. 3.

Carmen Blanco, “Vida e morte de Juana Capdevielle”, Unión libre, 11,Vermellas, Ediciós do Castro, 2006.

Carmen Blanco, Juana Capdevielle”, Álbum de Mulleres, www.culturagalega.org, Consello da Cultura Galega, Santiago de Compostela, 2006.

Juan Pérez-Carballo Veiga, “Crimen premeditado, sistemático y monstruoso”, Unión libre, 13, A Voz das Vítimas do 36, Ediciós do Castro, 2008.

Santiago López-Ríos Moreno / Juan Antonio González Cárceles (Ed.), La Facultad de Filosofía y Letras de Madrid en la Segunda República. Arquitectura y Universidad durante los años 30, Madrid, Ayuntamiento de Madrid-Sociedad Estatal de Conmemoraciones Culturales, 2008.

Catálogo da exposición Vermellas. Chamábanlles “rojas”, organizada pola Vicerreitoría de Cultura da Universidade de Santiago de Compostela nas actividades de Lugo cultural, Universidade de Santiago de Compostela, Santiago de Compostela, 2009.
 
LINKS

Unión libre. Cadernos de vida e culturas
(Gravado de Sara Lamas, “Homenaxe a Juana Capdevielle”)
www.unionlibre.org

Asociación para a Dignificación das Vítimas do Fascismo
www.dignificacion.net

 

HOMENAXES LITERARIAS

Carmen Blanco, Alba de mulleres,  Edicións Xerais de Galicia, Vigo, 2003.

Claudio Rodríguez Fer, A loita continúa, Edicións Xerais de Galicia, 2004.

Claudio Rodríguez Fer, “As costureiras”, Unión libre, 11,Vermellas, Ediciós do Castro, 2006.

Km. 526, Aula de Teatro da USC, dirección e dramaturxia de Paloma Lugilde. Sobre o texto “As costureiras” de Claudio Rodríguez Fer, 2006.

Carmen Blanco, “Juana Capdevielle”, Foeminas. Revista virtual de xénero 4, febreiro, Concellería da Muller, Concello de Lugo, 2006. Recompilado en Manuel Fernández Rodríguez (ed.), Poemas pola memoria (1936-2006), Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 2006.

Carmen Blanco, Atracción total, Edicións Xerais de Galicia, Vigo, 2008.

Claudio Rodríguez Fer, “A Juana Capdevielle”, Ámote vermella, Edicións Xerais de Galicia, Vigo, 2009.

Carmen Blanco, “Juana Capdevielle”, Foeminas. Revista virtual de xénero, Concellería da Muller, Concello de Lugo, Lugo, marzo, 2009. http://www.foeminas.lugo.es

Claudio Rodríguez Fer, “A derradeira lección das mestras”, Foeminas. Revista virtual de xénero da Casa da Muller do Concello de Lugo, Lugo, xullo, 2009, http://www.foeminas.lugo.es/2009/julio/hable_de_ella_gal.htm


 

A Juana Capdevielle

(…) E logo as da maldita historia que non digo. Maldade para matar a alegría. Mater Dolorosa. Mitos. Tisteza que non ve a beleza das tetas teitos. Exploracións de Exeria. Mandos de raíñas, señoras e abadesas. Beleza de cortesanas. Variedades de vedettes. Sacrificios de santas. Sátiras de soldadeiras. Prohibicións de gremios e confrarías. Condenas de herexes. Expulsións e ocultacións xudías. Queimas de meigas. Derrotas de irmandiñas. Mortes en manifestacións. Domas, castracións. Emigracións e exilios. Asasinatos. Milleiros e milleiros de emigrantes e miles e miles de mulleres e fillas de emigrantes. Exilio de bruxa Mallo e actriz Casares. Tortura e morte de Capdevielle. E todas as moi e as máis amadas. As rapadas da represión. As expoliadas, usurpadas, raptadas, desaparecidas, violadas, mutiladas, encarceradas, paseadas, fusiladas, suicidadas e asasinadas polo fascismo. As nenas da guerra. Das guerras. As utilizadas. As fugadas. As recluídas. As enclaustradas. As refuxiadas. As obxectoras. As apedradas, as apresadas, as mortas en todas as revolucións grandes e pequenas que sempre fracasan para triunfar logo. As fracasadas que triunfarán un día. As verdadeiramente boas. Convivindo cos mandados necesarios do corpo, do cerebro e do corazón. E todas as da vida. Boa e mala. Todas. Mulleres da vida. Todas. Mulleres do mundo. Todas. Para ser mulleres libres.

De Carmen Blanco, Alba de mulleres, Edicións Xerais de Galicia.

 

Mulleres cultas e progresistas

Juana foi unha bibliotecaria que participou moi activamente na alta cultura madrileña da República desde o seo da Universidade e do Ateneo. Pertenceu ao grupo emerxente de mulleres cultas e progresistas que estaban cambiando coa súa existencia consecuente a vida pública e privada do país. Estivo afanada nas súas tarefas intelectuais e tardou en coñecer un home que lle gustase por todo. Cando o encontrou casou con el polo civil e ao pouco tempo a parella veu vivir a Galicia, cando o home se puxo á fronte do Goberno Civil da Coruña, por cuxa defensa perdería a vida.

Das mellores cousas da República

A parella Francisco Pérez Carballo e Juana Capdevielle San Martín formaba parte das mellores cousas da República. O fascismo non puido soportar o brillo das súas figuras e liquidounos aos dous ignominiosamente. Mais na historia do progreso quedarán para sempre.

Galega pola morte

Desde que chegaches a Galicia temiches sempre, con fundamento, pola vida do teu home, mais non imaxinaches ata ao final que a ti mesma te farían galega pola morte.

Non vivas con odio

Cando o teu irmán soubo en Madrid do teu asasinato, por un pésame solidario dos teus colegas de profesión, alistouse voluntario no exército da República e ocultoulle a mala nova a túa nai. Cando túa nai soubo da túa morte, por outro pésame solidario, a guerra xa rematara, foi visitar o teu irmán no cárcere e díxolle: resiste e non vivas con odio.

O amor é indestrutible

Juana, fuches o máis fermoso da miña vida. Onde estea e mentres poida pensar, pensarei en ti. Será como se estivésemos xuntos. Deixáchesme dito na noite do vinte e catro de xullo de 1936 antes de que te matasen. Paco, fuches o máis fermoso da miña vida. Onde estea e mentres poida pensar, pensarei en ti. Será como se estivésemos xuntos. Dígoche na noite do dezaoito de agosto de 1936 antes de que me maten. E penso: quitaranme a vida, mais non me quitarán o amor porque o amor é indestrutible.

De Carmen Blanco, Atracción total, Edicións Xerais de Galicia.