![]()
|
|||||
MullerciclopediaÉ unha sección dedicada á recensión de libros, artigos de opinión, películas, música e todo tipo de expresión artística ou teórica que involucre a cuestión de xénero en todos os seus aspectos.
UXÍA SENLLE -ETERNO NAVEGAR
Uxía Senlle, Uxía sen máis, é un dos nomes propios que mellor representan a cultura e a música da Galiza. Vén de recibir o premio á Mellor Canción en Lingua Galega na XIII edición dos “Premios de la Música” polo tema Rumores de Falúa, contido no disco Eterno Navegar. A cantante mosense levaba oito anos sen publicar unha nova referencia discográfica, moitas vivenzas polo tanto para contar neste Eterno Navegar (Harmonía Mundi. World Village) editado no 2008. Acompañada na produción e composición por Paulo Borges, ademais doutros colaboradores musicais de distinta procedencia, conforma un disco cheo de luminosidade, mar en calma e mestizaxe sonora. Unha mestizaxe marcada polo seu vencello á lusofonía que impulsa desde Cantos na Maré, Festival Internacional da Lusofonía, do que ela é directora artística. Galiza, Azores, Guinea Bissau, Cabo Verde: portos polos que navega Uxía coa sua música, raíces comúns cruzando o Atlántico en viaxe de ida e volta. Cada tema dos quince contidos no disco agocha coidados arranxos, pianos e acordeón do músico das Illas Azores Paulo Borges que acompañan perfectamente a voz limpa e clara de Uxía. É en A Lira na, para min, mellor interpretación do álbum (coa a sua voz en contraste con ese “Tom Waits das Azores” que é Zeca Medeiros) onde a épica deste tema tradicional azoreño resalta cantado pola vocalista galega. Certa carga de tristura aflora en Sen ti, inspirada no filme galego-arxentino Abrígate de Ramón Costafreda, porque a pesar de ser un disco que festexa a vida non olvida a morte como parte dela. A súa paixón por rescatar clásicos da literatura da Galiza escóitase no tema Unha noite na eira do trigo de Curros Enríquez, himno da emigración galega. En Nalgures musica un poema da contemporánea poeta Marica Campo, que lle dedica ao voluntariado do Prestige. Emprega a letra do 'alentejano' Paulo Abreu Lima, quen ten escrito para a nova voz do fado Mariza, para darlle título ao disco na alegre Eterno Navegar. A presenza africana na composición, explícita ou soterrada, marca os tempos en cancións como As nosas Cores, cun delicioso xogo vocal final, acompañada de Sara Tavares, que lembra as caboverdianas Batuka Tabanka. Ou a Morna Sentida, xénero musical con fonda relación co fado portugués ou mesmo o blues, na que destaca a presenza de Tito París na voz e Pulpiño Viascon tocando o ululante serrucho. A cidade de Mindelo, na illa de S. Vicente, como centro cultural de Cabo Verde protagoniza esa Danza Ritual que contén unha liña que ben podería resumir o disco: “bailaremos xuntos unha danza ritual, mestiza, impura”. José Lemur
|